Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes pide a Compostela Aberta coraxe política, vontade e sensibilidade social para cumprir o acordo cos socialistas e rematar coa lista de espera en axuda no fogar

08/05/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, manifestou esta mañá en rolda de prensa que agarda que Compostela Aberta actúe con "coraxe política, vontade e sensibilidade social" e cumpra cun dos acordos aos que chegou con este grupo cos orzamentos municipais para 2017, nomeadamente o que fai referencia a poñer os medios económicos e modificacións do contrato que sexan necesarios para rematar coa lista de espera no servizo de axuda no fogar, cuantificado en 123 persoas. Reyes tamén amosou a súa sorpresa pola decisión, malia o informe do asesor xurídico de Alcaldía, de CA de levar a municipalización do guindastre e a ORA ao vindeiro pleno, cunha claúsula relativa á agardada sentenza, cualificando isto como "unha chapuza máis de todo o proceso que é tan serio e importante".

O grupo municipal socialista vén de rexistrar unha proposición para o seu debate no pleno ordinario deste mes de maio instando ao grupo de goberno a tomar todas as medidas que sexan necesarias para poñer fin á lista de espera -segundo os datos facilitados, 123 persoas- no servizo de axuda no fogar. Refírense os socialistas, como explicou o seu voceiro, Paco Reyes, en rolda de prensa, a poñer enriba da mesa os medios económicos e os cambios do contrato que resulten necesarios para cumprir o que foi un dos principais acordos aos que chegaron CA e PSOE na negociación dos orzamentos municipais de 2017 que se saldaron coa abstención socialista por incoporar 20 medidas como esta.
Reyes reclamou ao goberno local "coraxe político -ese do que tanto fala e pide para os demais Compostela Aberta-, vontade e sensibilidade social" para poder resolver esta situación, un problema máis dos que está a atravesar dende hai meses este servizo prestado por Valoriza -empresa que dende o 1 de maio faino prórroga que non quería e cunhas condicións xa denunciadas en varias ocasións polas traballadoras da compañía-.
Sobre a posibilidade de rebaixar a lista de espera co incremento dos fondos da Xunta, Reyes asegurou que se podían ter explorado dúas opcións:a de convocar o novo concurso en tempo e forma (e, polo tanto, ter resolta esta cuestión), ou a de aplicar a Ordenanza, que permite reducir a lista convocando un servizo en paralelo (o artigo 10, que di que existen dous tipos de usuarios: o directo, que son os que teñen recoñecida a dependencia, e os de libre concurrencia).
"O certo é que había posibilidades que Compostela Aberta non explorou e, polo tanto, non levou adiante por falta de sensibilidade", dixo o concelleiro socialista, que mesmo cuestionou que exista, tal e como di a Intervención nun informe, partida suficiente neste 2017 para ese contrato xa modificado.
Polo tanto, o PSdeG-PSOE levará a pleno unha proposición para garantir que se cumpra o acordo entre os dous grupos e, sobre todo, se poña solución a un servizo de vital importancia, xa que afecta a un colectivo especialmente sensible, como é o de persoas dependentes e os seus familiares.

ORA E GUINDASTRE
Sobre a decisión do grupo de goberno de levar a pleno ordinario a municipalización da ORA e do guindastre cunha cláusula que supedite o acordo ao contido da esperada sentenza, Paco Reyes asegurou que é "unha chapuza máis de todo un proceso que é tan serio e tan importante". Para o voceiro, resulta "sorprendente" este "xiro" do alcalde, que "agora xa non fala de coraxe", senón que xa busca cobertura a un proceso que tiña que estar resolto hai quince meses. A este respecto, engadiu que "despois de quince meses de non cumprir unha sentenza, penso que claramente o máis prudente é, como di o informe do asesor xurídico da Alcaldía, agardar a esa sentenza, que semella que non vai tardar moito".
Preguntado acerca do sentido do voto socialista no pleno, o voceiro asegurou que "vai depender do expediente que se presente a pleno" a, sobre este punto, dixo que a memoria non está traballada como debería estalo para poder ir a pleno e que lles falta analizar os informes solicitados, como o de Intervención ou o do Secretario -que, como lembrou, tivo que ser solicitado expresamente pola oposición-. "Isto será o que vai decidir o noso voto", apuntou Reyes, que subliñou que "unha cousa é o obxectivo dun proceso, sobre o que podemos estar dacordo, e outra ben diferente é a chapuza absoluta que se fixo".


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org