Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presenta unha moción instando á Xunta a modificar artigos do Decreto que regula as vivendas turísticas e pide unha reflexión sobre a moratoria local

08/06/2017

O novo regulamento do pleno será sometido a debate e votación no pleno ordinario do xoves 15 de xuño, pero esta mañá o voceiro socialista, Paco Reyes, presentou a emenda do seu grupo que, como destacou, foi rexeitada sistematicamente por Compostela Aberta, mentres que resultou apoiada esta mañá en comisión por todos os grupos da oposición e, polo tanto, será levada a dita sesión. Reyes criticou que CA rexeite unha proposta que ten como obxectivo facilitar que as emendas aos orzamentos sexan votadas en pleno (modificación do artigo 100).

"A postura de Compostela Aberta é incomprensible porque a emenda que presentamos favorece a participación dos grupos na elaboración do orzamentos", dixo o voceiro socialista, que engadiu que non é entendible que sexa precisamente CA o que non apoie a posibilidade de incrementar a participación. Ademais, manifestou que, do mesmo xeito que o grupo de goberno dille ao Partido Popular que non acepta estar na oposición, Compostela Aberta debería asumir xa que non ten a maioría absoluta.
Así as cousas, esta emenda -que vén avalada por un informe da Intervención-, xunto con todas as que foron presentadas pola oposición, serán sometidas á consideración da corporación no pleno ordinario que se celebrará o vindeiro xoves, día 15 de xuño.

MOCIÓN
Por outra banda, Paco Reyes anunciou a presentación, para o seu debate tamén na mesma sesión, dunha moción sobre a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas a vivendas de uso turístico en Galicia. Como subliñou o voceiro, esta iniciativa ten un interese especial nunha cidade que leva un ano xa de moratoria e semella acaído levar a cabo unha reflexión sobre algúns puntos relativos á mesma.
A este respecto, Reyes, que informou de que na moción se insta á Xunta a modificar o decreto -respostado pola Comisión Nacional de Mercados da Competencia e xudicializado pola asociación galega que congrega aos propietarios destas vivendas-, afirmou que se debería ter feito, por parte do goberno local, unha avaliación de impacto da competencia.
Ademais, manifestou a necesidade de coñecer o número de vivendas que teñen solicitado licenza, xa que a situación é moi diferente en función do total. Tamén dixo que é "curioso" que esta moratoria afecte ás vivendas, pero non aos baixos. Con respecto a este punto, apuntou que non se limita que os baixos sexan para este fin, polo que pode ser que non existan comercios que presten servizos aos habitantes do casco histórico.
Finalmente, plantexou a necesidade de coñecer qué tipo de vivenda é a que se adica ao turismo, posto que, como dixo, non é mesmo tampouco que sexan vivendas baleiras e que, polo tanto, dinamizarían o barrio, a que sexan pisos nos que reside xente, que expulsarían á poboación.
"Pensamos que é o momento de levar a cabo estas reflexións, que non se teñen feito ata o momento", afirmou Reyes.

EDAR
Preguntado sobre o tema, o concelleiro socialista cualificou como "malísima noticia para Santiago e para Galicia" o novo retraso na EDAR. Reyes, que destacou que a falta de depuración afecta á contaminación do río Sar e da ría de Vilagarcía, subliñou tamén que esta decisión "pon a espada de Damocles cada vez máis preto das nosas cabezas e achega máis a posibilidade de perder os fondos europeos e que, polo tanto, sexan as veciñas e veciños de Santiago os que teñan que pagar a EDAR dos seus petos". E, como dixo, a cantidade é moi elevada, en torno aos 40 millóns de euros.
Para o edil, se a depuradora que ten Ourense se instalara na Silvouta non habería problema dos cheiros, que na actualidade ocasiona grandes molestias á veciñanza desta zona.
"Que o Concello non coñeza o proxecto é inaceptable", asegurou o concelleiro socialista, que subliñou que "xa perdimos as achegas por unha promesa electoral do PP e agora podemos perder os outros".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org