Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Os socialistas solicitan a través dunha moción que se adxudique o servizo de mantemento, conservación e mellora da senda fluvial do Sar a un centro especial de emprego

12/06/2017

O concelleiro socialista Gonzalo Muíños presentou esta mañá en rolda de prensa a moción pola que o seu grupo insta ao goberno municipal a iniciar un procedemento de contratación para desenvolver o servizo de mantemento, conservación e mellora da senda fluvial á beira do río Sar, no tramo comprendido entre as Fontiñas e Ponte Pereda (Conxo), para centros especiais de emprego. Muíños criticou o estado no que se atopa esta senda, moi transitada pola veciñanza, tanto para paseo como para facer deporte, que malia ser desbrozada hai pouco despois das numerosas críticas recibidas pola cidadanía, segue sen estar ben conservada.

Para o grupo socialista, o mantemento desta senda fluvial é axeitado para que o leve a cabo un centro especial de emprego, como acontece cun elevado grao de satisfacción cidadá con Coregal no parque de Salgueiriños. Así, como dixo Gonzalo Muíños, dada a necesidade de controlar periodicamente o crecemento da herba, poda e o desbroce, así como a recollida de residuos e reparación de pavimento, entre outras actuacións, é importante que o goberno local estude a posibilidade de iniciar un procedemento de contratación, mediante procedemento aberto, para realizar ditas tarefas, reservado a centros especiais de emprego (dacordo co disposto no artigo 42 da Lei 13/1982, de 7 de abril, de Integración Social das persoas con diversidade funcional, así como o Real Decreto 2273/1985, de 4 de decembro, polo que se aproba o regulamento dos centros especiais de emprego).
Como destacou Muíños, de cumprir esta moción, daríase resposta a unha demanda social, ademais de cumprir unha función social que tamén liberaría de traballo á brigada de parques e xardíns.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org