Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Os socialistas solicitan modificar o regulamento do servizo de taxis para sancionar e retirar os permisos a traballadores que conduzan baixo os efectos do alcohol e drogas

13/06/2017

O grupo municipal socialista solicita ao goberno municipal que proceda á modificación do artigo 22 do Regulamento do Servizo de Transporte urbano en Automóbiles do Concello de Santiago de Compostela, para incluir a posibilidade de revocar as licenzas municipais aos traballadores de taxi que conduzan o vehículo baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou estupefacientes, e así contribuír a mellorar a seguridade viaria e a imaxe dun sector que reclama de forma amplamente maioritaria esta medida. O voceiro deste grupo, Paco Reyes, presentou esta mañá en rolda de prensa a moción que rexistraron os socialistas para o seu debate no pleno deste xoves 15.

O concelleiro socialista lembrou que durante o pasado ano rexistráronse varios positivos por alcohol e/ou consumo de estupefacientes en traballadores de taxi, extremo que se produciu de novo a pasada semana. Dase a circunstancia de que, agás no máis recente, os casos de 2016 foron con persoas que non eran titulares das respectivas licenzas, senón asalariados, polo que, como matizou Reyes, o responsable último de retirarlles o permiso é o Concello.
Para iso, como trasladaron ao voceiro integrantes dun colectivo que agás estes casos aillados ten amosado unha grande profesionalidade, é necesario modificar o Regulamento do Servizo de Transporte Urbano en Automóviles do Concello, que data de 1990, e adaptalo a esta necesidade, que xa recollen ordenanzas doutros municipios, como o de Vigo. A este respecto, Reyes destacou que a Ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi na cidade olívica, publicada polo BOP de Pontevedra o 11 de marzo de 2015, contempla a posibilidade de revocar a licenza por "conducir o vehículo baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou estupefacientes".
O concelleiro agarda que esta moción, que será debatida no pleno ordinario deste xoves, sexa aprobada, xa que garantir a máxima seguridade viaria é un dos obxectivos das autoridades competentes, entre elas o Concello compostelán.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org