Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presentará unha moción ao pleno instando ao goberno a solventar os problemas de Cornes

21/06/2017

Falta total e absoluta de mantemento, ausencia de urbanización e problemas de aparcamento e tráfico. Estes son as principais demandas que teñen os veciños e veciñas de Cornes, que mantiveron unha reunión hai uns días cos representantes do grupo municipal socialista para abordalos. Esta mañá, os concelleiros Paco Reyes e Gonzalo Muíños voltaron á zona para, acompañados de representantes da entidade veciñal, amosar aos medios de comunicación a situación de Cornes e anunciar unha moción a debater no pleno ordinario de xullo na que se pedirán solucións a ditos problemas.
Nunha visita por esta zona da cidade, o voceiro socialista, Paco Reyes, denunciou unha serie de deficiencias que se recollerán nunha moción a presentar polo grupo socialista no pleno ordinario do vindeiro mes de xullo. En primeiro lugar, o concelleiro criticou o estado de abandono no que se atopa Cornes, cunha notoria falta de mantemento -por exemplo, do lavadoiro, no que se investiron no seu día máis de 20.000 euros e agora está en moi mal estado- e de desbroces, tanto nas parcelas municipais como algunhas privadas.
Tamén reclamou un plan de urbanización para a zona, que precisa diferentes actuacións dunha forma urxente.
Por último, trasladou a demanda veciñal relativa ao tráfico tanto, por unha banda, á velocidade pola que circulan moitos vehículos sen facer caso aos sinais, e por outra, pola ocupación de prazas de aparcamento que deberían ser unicamente para as persoas que viven nestas rúas. Así, solicitou ao grupo de goberno que estuden a posibilidade de facer tarxetas de residentes para garantir que estes veciños -é unha zona na que viven en torno a cen persoas- poidan aparcar sen ter que ir a otros barrios da cidade.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org