Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes acusa a Compostela Aberta de "condear á precariedade" aos traballadores dos centros socioculturais

22/06/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, acusou esta mañá a Compostela Aberta de "condear aos traballadores de Arasti Barca á precariedade". O concelleiro realizou estas manifestacións despois de manter, xunto co tamén edil Gonzalo Muíños, unha reunión cos representantes dos traballadores desta empresa, preocupados polos pregos do goberno local para a xestión dos centros socioculturais, dos que se encarga na actualidade dita compañía. Por outra banda, e sobre a inminente remodelación do goberno local, Reyes manifestou que agarda que sexa "en beneficio da cidade e da cidadanía" e que se faga "en base aos membros do actual goberno e non como fixo PP, enchéndoo de comisarios políticos" (en referencia a directores de área). "A remodelación é de goberno, e non se pode facer articificialmente nomeando xefes a dedo", dixo.
Despois dunha reunión con representantes dos traballadores de Arasti Barca, o voceiro socialista compareceu en rolda de prensa para lembrar que estas inquedanzas que lles transmitiron os empregados da empresa que se encarga da xestión dos centros socioculturais con respecto aos pregos de Compostela Aberta son compartidas polo grupo socialista e, de feito, non hai moito foron trasladadas á opinión pública.
Como afirmou, ditos pregos, que na actualidade se atopan recurridos ante o Tribunal Económico-Administrativo, son similares aos do PP. "Este goberno, que se di de esquerdas, leva con estes pregos á subcontratación e contratación de autónomos, facilitando e promovendo a baixa calidade e a precariedade do emprego", asegurou o concelleiro socialista.
Así as cousas, Reyes denunciou situacións como que o persoal laboral (18 persoas) nin aparecen nestes pregos; e pediu que, polo menos, se contemple que os que non chegan a ter a media xornada amplíen contrato e o para asumir as horas de máis, e que os traballadores fixos discontinuos sexan contratados tamén para datas como as do verán.
En total, en Arasti Barca traballan 48 persoas, que se encargan da xestión dos centros socioculturais de Santiago de Compostela.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org