Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes cualifica como "cambio de cromos" a reorganización do goberno e lamenta a falta total de autocrítica do alcalde

23/06/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, cualificou hoxe os cambios producidos no goberno local como "cambio de cromos" e lamentou que o alcalde non teña realizado ningunha autocrítica. "Noriega culpa a todo o mundo de todo, menos a Compostela Aberta e a si mesmo", dixo o concelleiro, para o que as decisións tomadas, nomeadamente no que se refire ás realizados a nivel interno do persoal, son "exactamente as mesmas que o PP máis rancio de Conde Roa". "O que decide facer o alcalde é botar fóra aos funcionarios que o molestan", asegurou.
Para Reyes, a decisión de cesar á Xefa de Servizo de disciplina urbanística resposta a unha política propia, segundo afirmou o voceiro socialista, do PP de Conde Roa. A este respecto, e destacando que o auto da xuíza que exculpaba a Jorge Duarte do caso dos expedientes a locais si falaba de falta de dilixencia absoluta deste concelleiro, indicou que "premialo" outorgándolle novas competencias -relacións veciñais e participación cidadá- e cesando á funcionaria, supón "matar ao mensaxeiro, igual que Conde Roa".
"Non nos vale esta decisión e esiximos unha xustificación deste cese, porque ela tiña o seu posto gañado por un concurso", manifestou Reyes, que tamén dixo defender ese requisito, o de gañar un concurso público, para o posto de asesor xurídico, que consolidou o seu posto, "dando a razón ao noso grupo, que dicía que non estaba nomeado".
Tamén dixo Reyes que a vacante que queda é, de facto, crear unha terceira delegación de área, que suporá outros 70.000 euros anuais. Se sumamos, haberá 210.000 euros ao ano que pagarán os veciños e veciñas do seu peto.
O voceiro quixo respostar as declaracións do alcalde relativas a que eran poucos efectivos no goberno. "Se é así e porque decidiron gobernar en solitario", afirmou Reyes, que lembrou que na única reunión que houbo con Compostela Aberta antes da toma de posesión de Noriega, o propio rexedor "deixou moi claro que non quería gobernar co PSOE".
E como "cambio de cromos", sen autocrítica ningunha, e como definiu a reorganización dos postos de goberno, cuestionando que o alcalde quede coas competencias de relacións institucionais, "cando é a súa materia pendente" máis destacada, ou que Duarte manteña disciplina urbanística e mesmo quede coas grandes obras. "Xa sabemos que a tardanza e paralización van seguir sendo as constantes das obras na nosa cidade", apuntou.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org