Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista destaca a inclusión das seis propostas socialistas requeridas no documento de aplicación de remanentes para o actual exercicio económico

31/07/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, asegurou esta mañá en rolda de prensa que o grupo de goberno incluíu o 100% dos proxectos acordados por ambas formacións para os orzamentos de 2017. O concelleiro referíase ás iniciativas que se contemplan no documento de aplicación de remanentes para o actual exercicio que se levaba hoxe a un pleno extraordinario e que, iso si, o edil do PSdeG considera que se podía ter aprobado sen problema ningún -e, polo tanto, acurtado prazos na súa execución- na pasada sesión ordinaria. Os proxectos promovidos polos socialistas constitúen o 30% do total e, en termos económicos, supón o 14% dos remanentes, cun investimento de case 463.000 euros.

Para Paco Reyes, resulta de especial importancia que se atendan estas reivindicacións socialistas polo impacto que ditos proxectos van ter no conxuntos da cidadanía. En total, son seis as iniciativas que se van levar a cabo por parte do goberno local, se ben hai dúas, a senda verde polo antigo trazado ferroviario e os avais para os microcréditos, que non se ven nesta relación que se leva este mediodía a un pleno extraordinario porque, no primeiro dos casos, será financiado pola Deputación Provincial, e no segundo, porque incorpórase de forma automática e non no capítulo VI de orzamentos, senón no IV.
Así as cousas, informou de que se trata de actuacións no complexo deportivo de Santa Isabel e no campo de Belvís, de obras de mellora e accesibilidade no campus sur (ás que hai que engadir as partidas do Edusi), e a reurbanización de Vite (que será por fases, cunha primeira intervención en García Lorca). Sobre o resto de proxectos que leva Compostela Aberta, Paco Reyes apuntou que se trata de necesidades que ten a cidade e que, se ben é certo que se podería ter feito outra baremación, o certo é que se trata de actuacións que precisa Santiago.

DECLARACIÓNS DO PRESIDENTE DA XUNTA
Por outra banda, o voceiro socialista respostou a unha declaracións realizadas esta fin de semana polo presidente da Xunta e do PP, Alberto Núñez Feijóo relativas á situación das cidades nas que gobernan as Mareas e acusando ao PSOE de ser meros apéndices destas agrupacións políticas. Para Reyes, grazas a estas manifestacións "xa coñecemos outra definición de deixar gobernar ao partido máis votado", posto que, malia que en Santiago foi Compostela Aberta, "o que queren dicir no Partido Popular é que, sexa cal sexa a vontade da cidadanía, ten que gobernar sempre o PP".
Aemais, e "dende o cansancio", o concelleiro insistiu en que o Partido Socialista ten un proxecto de cidade moi alonxado e claramente diferenciado do do Partido Popular, "como viñemos amosando ao longo de trinta anos". "Non hai concordancia programática co PP, mentres que si existe algunha con CA, precisamente a que fai que sexamos especialmente críticos con eles cando incumpren eses puntos comúns", dixo Reyes, que engadiu que "o PP non é precisamente exemplo de boa xestión".
O voceiro socialista, que lembrou o que foron os catro anos terribles do goberno local do PP, tanto na imaxe que se proxectou de Santiago en todo o mundo como na xestión propiamente dita -lembrou que non pasaron dun 29% de execución do orzamento, fronte máis do 50% do ano 2010 con alcalde socialista-, reiterou que o grupo socialista "non vai facer alcalde a un candidato do PP neste mandato".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org