Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes afirma que a política de persoal de Compostela Aberta é moi semellante a do século XIX das cesantías

01/08/2017

As contradiccións de Compostela Aberta en materia de persoal, entre o que defendeu en campaña e o que está a facer agora no goberno, foi obxecto dunha rolda de prensa do voceiro socialista, Paco Reyes, que acusou aos responsables municipais de facer fondas críticicas das libres designacións e dos postos a dedo antes das eleccións, mentres que agora o seu sistema aseméllase máis ao do século XIX das cesantías que ao dunha administración moderna e independente. Dun xeito específico, o edil socialista referiuse ao cese de Berta Rosón como xefa de servizo de licenzas e sancións, e á convocatoria no BOP dunha nova praza de director de área, neste caso de Réxime Interior.

Despois de que os socialistas fixeran unha primeira valoración do cese da xefa de servizo de licenzas e sancións, Berta Rosón, e quedaran á espera de coñecer o contido do decreto de dito cese, o voceiro do grupo, Paco Reyes, comparecía esta mañá en rolda de prensa para explicar a súa postura máis polo miúdo, unha vez analizado o escrito en cuestión. Así, asegurou que a decisión do goberno local non está xustificada e que os argumentos que da no decreto de cese non se sosteñen, comezando polo susposto incumprimento de funcións que non eran os propios delas, como é o caso da instrucción de expedientes sancionadores.
Pero, ademais, Reyes afirmou que Compostela Aberta parte dun erro previo, que é que o Estatuto Básico do Empregado Público contempla que as xefaturas de servizo deben elixirse a través de concurso, ou sexa, que "hai que elixir ao mellor", o mesmo que conclúen varias sentenzas, que din que as xefaturas non son cargos directivos e, polo tanto, non son postos de confianza. Isto conleva o ter que fundamentar e xustificar unha decisión como a dun cese, extremo que, como subliñou Reyes, non se fai no decreto que nos atinxe.
Por outra banda, e tamén vencellado coa política de persoal, o concelleiro do PSdeG-PSOE referiuse á convocatoria no BOP dunha praza para un novo posto directivo, neste caso para Director de Área de Réxime Interior, Como dixo Reyes, trátase dun terceiro director, o que vén igualar "o récord do PP de Conde Roa", e un gasto para as arcas municipais total de 210.000 euros.
Se ben saudou que un dos requisitos que se esixen para este posto é o de ter experiencia en contabilidade pública, entendendo que, deste xeito, se está a cumprir o acordo plenario impulsado polos socialistas, que pedían a separación da contabilidade da intervención, tal e como marca o Título X da Lei de Bases, o voceiro pediu a modificación dun parágrafo no que se di que unha das funcións do director de área é o de coordinar o servizo de intervención. Como explicou Paco Reyes, o traballo da intervención é precisamente o de controlar ao goberno e á oposición, polo que "é curioso que Compostela Aberta pretenda que unha persoa nomeada a dedo controle ao órgano controlador". "É a primeira vez que acontece", afirmou.

BALANCE DAS FESTAS
Preguntado ao respecto, o responsable do grupo municipal socialista manifestou que "non estiveron á altura do orzamentado", lembrando que este ano foi o de maior investimento na última década que non fora ano xacobeo. Para Reyes, que si destacou a mellora da pirotecnia con respecto a 2016, faltou unha grande actuación musical que trouxera á cidade -como fan as outras de Galicia- a milleiros de persoas.
Iso si, a xuizo do voceiro socialista, as festas non deben ser un arma de debate político entre os diferentes grupos, senón que o aconsellable é analizar o que funcionou e o que non para vindeiras datas.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org