Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes acusa a Compostela Aberta de empregar os mesmos argumentos que a ministra de Traballo do Partido Popular na análise dos datos de desemprego

07/08/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, acusou esta mañá en rolda de prensa a Compostela Aberta de, sendo supostamente de esquerdas, utilizar os mesmos argumentos que a ministra de Traballo do Partido Popular no que se refire a analizar os datos do paro. A este respecto, o concelleiro afirmou que, revisando os datos da EPA do terceiro trimestre, o número de desempregados incrementouse en case tres puntos con respecto ao mesmo período de 2016, sendo Santiago a que tivo peores datos porque Ourense, que xunto con Compostela foron as únicas con datos negativos, rexistrou mellores cifras. Ademais do desemprego, Reyes subliñou o "moi serio problema" que constitúe a temporalidade e a precariedade dos contratos creados.

A necesidade de crear postos de traballo e que sexan de calidade é o principal obxectivo do grupo socialista que, como dixo Paco Reyes, pensa que o emprego para un partido de esquerdas non debe ser unha das prioridades, senón "a prioridade". Por iso, os datos que arroxa a EPA do segundo trimestre non son como alardean o PP da Xunta e do Estado e, sorprendentemente, tamén Compostela Aberta en Santiago, posto que "o que fan e defender unha reforma laboral que non funciona".
Así, Reyes destacou que, fronte a autocomplacencia de PP e CA, a realidade é que Santiago e Ourense son as dúas cidades galegas nas que sube o paro con respecto a 2016 e, na primeira, o incremento do desemprego é maior, chegando case ao 3%. Pola contra, baixan as afiliacións á Seguridade Social en dous puntos na franxa de idade de 25 a 40 anos, o que amosa, xunto coa temporalidade dos contratos do 92,8% e a grande precaridade dos empregos existentes -o socialista está á espera de que a concelleira de Emprego resposte ao que non fixo na comparecencia plenaria realizada a petición deste grupo sobre datos de Santiago relativos ao incremento dos contratos a tempo parcial involuntarios-, a importante necesidade de impulsar dende as administracións, comezando pola local, medidas de fomento de emprego na mocidade.
De feito, o voceiro socialista, que está a espera de poder acceder aos datos do Servizo Público de Emprego de xullo, cuestionou os datos de meses anteriores, como o de xuño, no que se di que hai 619 parados menos, pero o número de contratos novos foi de 213. "Como pode ser iso?", dixo Reyes, que engadiu que a realidade non é que haxa menos persoas en paro, senón que moitas deixan de percibir a prestación ou abandonan as listas por desesperación ou porque marchan da cidade.
Para o concelleiro socialista, hai que diferenciar o feito de que Santiago sempre teña sido unha das cidades con mellores taxas de emprego polo elevado número de funcionarios que ten (Xunta, Sergas, Universidade e Concello), mais mentres que outras localidades galegas están a crear emprego e a baixar o paro, en Compostela a situación é a contraria.
Por iso, Reyes cualifica como boa nova os 1,5 millóns recibidos de Europa para o Plan de Emprego Xuvenil, aínda que lembrou que todas as cidades galegas e mesmo tres diputacións tamén recibiron fondos, e con partidas moi similares. A este respecto, o voceiro preguntou a Compostela Aberta se vai facer o mesmo que fixo coa execución das partidas de fomento de emprego do orzamento de 2016, que quedou nun 60% sen executar; se vai comprometerse a cumprir co obxectivo deste programa, que é que os menores de 25 anos teñan cando menos unha oferta de traballo nun máximo de catro meses; e se vai traballar en medidas de promoción e axuda ao emprego (formación dual) e non centrarse en cursos de formación -as primeiras teñen un impacto entre un 30-50% superior aos cursos-. Tamén reclamou coidado cos "falsos" autónomos para que non se convirta nun acceso á contratación en precario -como acontece cos pregos dos centros socioculturais- e pediu condicións sociais na contratación -ao contrario do que pasou con Valoriza-.
"Para o grupo socialista, o emprego é a prioridade porque pensamos que o paro e o emprego de mala calidade e precario é o principal problema que ten a nosa cidade", asegurou Paco Reyes.

INTERMODAL
Por outra banda, o máximo responsable dos socialistas composteláns referiuse á que cualificou como noticia da fin de semana, a licitación da intermodal ou intercambiador, como define Reyes ao proxecto do PP que recibe o aplauso e abrazo de Compostela Aberta. O voceiro contrapuxo o modelo do proxecto de Herreros, que foi o que gañou un concurso e que contemplaba unha intermodal "de verdade" e que unía e "cosía" a cidade, fronte o de agora, "unha ampliación dun vestíbulo" cun ascensor - a actuación actual- e unha pasarela que unirá dous edificios claramente diferenciados. Precisamente a estas obras referiuse Reyes, indicando que o PP no seu momento estaba asustado porque ía desaparecer o edificio antigo da estación, que non está nin catalogado, e agora acepta un pegote a dito inmoble.
Finalmente, criticou o gasto realizado ata o momento, posto que no anterior proxecto xa se tiñan investido 2,5 millóns e agora vanse gastar outros 1,8, ao tempo que cuestionou que, pola contra, nos pregos se poña un teito de gasto na actuación de 30 millóns de euros, fronte os 120 da de Ourense ou a 150 de Vigo.
"Santiago non pode ter unha obra faraónica porque non están os tempos para iso, pero semella que Ourense e Vigo si", dixo Reyes, para o que "alguén vai ter que explicar isto". "Ao mellor algo ten que ver o goberno e alcalde que teñen as dúas localidades", engadiu o concelleiro, que non comprende que se poña ese límite na estación da capital e que vai mover máis viaxeiros de Galicia, así como a que ten que ser estación de referencia.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org