Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presentará unha moción ao pleno instando ao Consello de Contas a incorporar un estudo e avaliación das listas de espera e das urxencias do CHUS

08/08/2017

O grupo municipal socialista presentará para o pleno ordinario do mes de setembro unha moción instando ao Consello de Contas a incoporar no seu calendario de fiscalización un estudo e avaliación sobre as listas de espera e as urxencias do Centro Hospitalario Universitario de Santiago. O voceiro, Paco Reyes, denunciou esta mañá que non se está a cumprir o artigo 8 da Lei de Transparencia, xa que dende 2010 non se publica a memoria do Sergas e dende 2001 a do CHUS, o que, dixo, é "inaceptable". O concelleiro acusou ao Sergas, ademais, de falsear e ocultar datos relativos ás listas de espera e de poñer en risco aos doentes por unha saturación das urxencias provocada, segundo afirmou, pola falta de persoal e o peche de camas.

Para Paco Reyes, as cifras ofrecidas recentemente polo Sergas relativas ás listas de espera están falseadas e "non se poden crer en absoluto", posto que non contemplan os datos non estruturais e, polo tanto, mentres que nas súas cifras se está a reducir o tempo de espera -con listas que só inclúen a un 50% dos pacientes-, a realidade é que a espera media das listas non estruturais sitúase en 234 días e, no caso daquelas persoas que rexeitan acudir a centros privados, en 269. A este respecto, citou un artigo publicado nunha prestigiosa revista científica que asegura que no Sergas, no caso dalgunhas patoloxías, mesmo se quintuplica o tempo de espera sobre os datos oficiais.
Aínda así, e con estes datos oficiais na man, Reyes indicou que existen 1.002 persoas máis agardando por unha intervención cirúrxica no CHUS, e o 21% dos servizos incrementaron os tempos de espera. No caso das consultas, hai 2,319 pacientes máis agardando, cun incremento do 10% no tempo medio e un 61% de servizos cunha suba. Ademais, un 35% das probas diagnósticas complementarias tamén experimentaron un incremento en tempo de espera e un 30% máis de doentes.
Por todas estas razóns, sumadas a recortes de persoal e medios, o CHUS baixou dous postos no listado de centros hospitalarios, situándose no número 31 e por debaixo de Vigo e da Coruña. No caso das especialidades, só Neuroloxía está nos listados das mellores 15, ocupando o número 14. "O problema non está na calidade do persoal, totalmente demostrada, senón que é consecuencia directa dos recortes", asegurou Reyes.
Precisamente estes recortes en persoal, sumados ao peche de camas en verán son as principais razóns que provocaron, segundo o voceiro socialista, unha saturación nas urxencias este verán. "Cando en decembro e xaneiro denunciamos a saturación, din que se trata dunha epidemia de gripe, pero cal é a epidemia nestes meses? A epidemia chámase peche de camas", dixo Paco Reyes, para o que non ten sentido que se teñan pechado 158 camas, "tal e como constata a realidade".
O concelleiro subliñou os perigos reais -e que así destacan diferentes estudos científicos- que ten para a saúde un ingreso tardío o un retraso no inicio dos tratamentos, que mesmo incrementan a mortalidade en ata un 31%.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org