Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo parlamentario socialista pregunta sobre o novo retraso da apertura do Cegadi e esixe que se poña en funcionamento de forma plena e con xestión pública

11/08/2017

A deputada do Grupo Parlamentario Socialista Noela Blanco, e o voceiro do grupo municipal, Paco Reyes, compareceron esta mañá en rolda de prensa para presentar unha batería de iniciativas rexistradas na Cámara Autonómica relativas ao Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi). As razóns polas que permanece aínda pechado, a data de apertura dun centro impulsado polo Goberno presidido por Touriño e que tiña que estar aberto en 2011, e o modelo de xestión do mesmo son algunhas das preguntas que a parlamentaria plantexou ao Executivo para a súa resposta por escrito, así como a través dunha interpelación e dunha proposición non de lei que instaá Xunta a "poñer en marcha de maneira urxente, e a pleno rendemento, o Centro Galego de Desenvolvemento Integral de Santiago".

Tanto Blanco como Reyes coincidiron á hora de cualificar como "aldraxe" para a cidade de Santiago e para as persoas con algún tipo de discapacidade ou disfuncionalidade, así como as súas familias, este retraso inxustificado da apertura deste centro que, pola contra, exemplificou no seu momento a aposta e sensibilidade do PSdeG-PSOE por este colectivo e pola capital de Galicia.
"O Cegadi programouse en 2007 co obxectivo de ser un centro de vangarda, pioneiro no Estado para o tratamento integral da discapacidade", lembrou o deputada socialista, que engadiu que "xa pasaron dez anos e o Cegadi segue pechado". De feito, como lembrou, na última iniciativa parlamentaria acerca deste tema, os populares respostaron que o centro abriría ao longo do primeiro semestre de 2017. "É un engano masivo ao que están a someter a estas persoas", afirmou Noela Blanco. A deputada, ademais de subliñar que mentres que na Estratexia Galega sobre Discapacidade 2010-13 fíxase a apertura do Cegadi para finais de 2013, na de 2015-20 xa nin aparece, apostou pola xestión 100% das súas instalacións.
A este respecto, afirmou que os profesionais que se encarguen da súa atención deben depender da Administración, extremo que dubida tratándose do PP e do seu afán privatizador. Se ben valorou positivamente o convenio que existe con Cogami, a socialista preguntou que vai pasar co resto do espazo e insistíu na necesidade de que o coidado das persoas con discapacidade debe depender da administración pública.
Para Blanco, resulta urxente que a Xunta abra o Cegadi porque, a maiores das barreiras físicas que moitas persoas teñen na súa vida diaria, non poden telas provocadas pola administración. O Cegadi, como dixo, axudaría a "dinamitar" esas barreiras institucionais.
Na mesma liña manifestouse o voceiro municipal socialista, que acusou ao Partido Popular "de mentir ou de incumprir". O concelleiro, que valorou o traballo de colaboración e coordinación existente entre os grupos municipal e parlamentario -un exemplo claro, dixeron ambos, constitúeo esta iniciativa-, valorou a aposta socialista por Compostela fronte a un PP que xa amosou o seu desprezo á cidade co traslado do 112 e o pretendido do 061.
As iniciativas xa foron rexistradas e, como avanzou Noela Blanco, serán tramitadas no vindeiro proceso de sesións.

SUCONTRATACIÓN MUNICIPAL
Noutra orde de cousas, Paco Reyes denunciou o que está a acontecer coas licitacións municipais, xa que, como explicou, o grupo de Goberno está subcontratando a unha empresa privada a análise e revisión do estudo económico que as empresas teñen que presentar nestes procesos.
Reyes amosou a súa sorpresa por esta decisión dun goberno que fixo bandeira das municipalizacións de servizos e na actualidade e coa práctica, amosa que todo é de palabra. Pero é que, ademais, o voceiro reclamou a Compostela Aberta que presente os catro certificados -de Servizos Económicos do Concello, de Persoal, da Deputación e da Xunta- conforme non se poden facer cargo deste servizo xa que, ao seu xuízo, debería ser público.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org