Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Os socialistas acusan a Compostela Aberta de falta de modelo cos comedores e critican duramente os pregos

14/08/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, acusou esta mañá ao goberno local de carecer dun modelo de comedores escolares e escolas infantís, ademais de denunciar os problemas de xestión producidos ao longo dos tres pregos que leva Compostela Aberta e de cuestionar os previstos para o vindeiro curso, que tampouco serán asinados antes do inicio escolar. O concelleiro, que reiterou a defensa da municipalización deste servizo a través dun convenio coa Xunta para que ceda competencias cos cartos correspondentes, lembrou que o alcalde cualificou como "antisistema" dita proposta, algo "soprendente" para os socialistas "cando se din partido de esquerdas".

Para Reyes, o goberno local "non ten clara a competencia da Xunta", que aposta pola industrialización do proceso, e convirte ao Concello nun mero subcontratante que non incorpora criterios de sustentabilidade. Ademais, a esta crítica o voceiro socialista engade a do problema de xestión dos comedores, destacando que estamos ante a terceira contratación dun terceiro prego que tampouco será asinado antes do inicio de curso e que recibiu dúas ofertas fronte as sete ou oito do principio, con ningunha empresa de Santiago entre as presentadas. "Por que?", preguntou Paco Reyes, que anunciou que o seu grupo pide acceder á relación das inspeccións realizadas ata o dagora para saber o método que teñen para certificar a "máxima categoría" que mencionan sen máis nos pregos, así como en base a qué se fai e os controis levado a cabo nestes anos.
O voceiro socialista referiuse a outros pregos, entre os que destacan algúns do País Vasco, que garanten a calidade dos menús dos diferentes produtos (carne, pescado, verduras, aceites) ou que apostan polos produtos ecolóxicos -Reyes asegurou que non se trata dunha fantasía, xa que, por exemplo, os centros públicos de Roma empregan un 70% de productos ecolóxicos- ou os circuitos curtos -é dicir, os produtos de proximidade-, así como da necesidade de especificar a contratación dun técnico en dietética e nutrición para avaliar os menús -Reyes abogou por asinar un convenio coa Universidade de Santiago para que o departamento de Pediatría experto en dieta atlántica se encargue de avaliar os menús-. Tamén falou Reyes dos traballadores, apostando por incorporar nos pregos unha referencia a que os traballadores temporais pasen a ser fixos discontinuos, así como do prezo dos menús. Sobre este punto, o máximo responsable do grupo municipal socialista indicou que cun prezo de 5,23 euros, que destina 3 euros aos coidadores, 40 céntimos de beneficio á empresa e deixa unicamente 1,70 euros aos tres pratos, auga e postre, resulta moi complicado cumprir uns mínimos de calidade. Pola contra, citou o caso de Ames, cun prezo de 7,50, o que si permite traballar nos criterios anteriormente expostos. "Outra cousa é cómo subvencionar os menús", dixo Reyes, que se mostrou partidario de afondar nesta fórmula.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org