Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista reclama un consello de administración extraordinario de Tussa para avaliar a repercusión que tivo no parking de Xoán XXIII o peche ao tráfico da avenida

01/09/2017

O concelleiro socialista Gonzalo Muíños anunciou esta mañá en rolda de prensa que pedirá un consello de administración extraordinario de Tussa para que non só se dean explicacións sobre a decisión unilateral, drástica e sen previsións de pechar Xoán XXIII por San Francisco, senón que tamén se ofrezan os datos de ocupación do parking, coas cifras deste verán e os de anos anteriores para poder facer unha comparativa.

Segundo asegurou o edil, existe gran preocupación non só no grupo socialista, senón entre os axentes que traballan nos aparcadoiros de Tussa pola importante baixada nas entradas e saídas no de Xoán XXIII e, a este respecto, apuntou que, segundo lle consta, nun domingo de xullo -o 16- houbo unicamente 246 entradas, fronte un cheo total das 500 prazas nesa mesma data do ano anterior. Muíños, ademais, destacou os problemas que teñen veciños e residentes do casco histórico e, nomeadamente, os que residen na urbanización situada entre García Sabell e Entrerríos, que levan este mes e medio sen recibir a autorización requerida e, polo tanto, dando a volta por Cruceiro do Galo para poder acceder a un garaxe con máis de 160 prazas.
Para Muíños, a preocupación do grupo municipal socialista vai nunha doble dirección: por unha banda, pola propia viabilidade dunha empresa que ata o dagora sempre se caracterizou pola súa solvencia, e polos axentes, un total de 22, que traballan nos aparcadoiros de Tussa.
Por todo iso, e agardando que se sume algún conselleiro máis de Tussa -é necesario un tercio dos sete que conforman o seu consello de administración-, o edil reclama explicacións e datos de ocupación do parking de Xoán XXIII.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org