Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presentará unha moción con diversas medidas para incluir nas bases de execución de 2018 co obxectivo de limitar e controlar os contratos menores

04/09/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, anunciou esta mañá que o seu grupo presentará para o pleno ordinario do 21 de setembro unha moción solicitando que se incorporen unha serie de medidas ás bases de execución de 2018 dirixidas a limitar e controlar os contratos menores. Segundo asegurou Reyes, nos primeros sete meses xa se ten gastado o 80% do que se adicou en 2016, polo que, de seguir esa mesma liña, a final de 2017 o gasto será superior ao pasado nun 34%. "Compostela Aberta non só non está a diminuir este recurso, nin mesmo a estabilizalo, senón que o está incrementando de forma substancial", dixo o edil, que lembrou que a lei permite os contratos menores para subministros e servizos de ata 18.000 euros, e de obras ata 50.000, mais "non obriga a empregar este recurso".

Para Paco Reyes, quen fixo da transparencia unha das súas bandeiras non só non freou os contratos menores, senón que os está a incrementar, e a este respecto, criticou que se recorra aos mesmos cando o Concello ten recursos propios para desenvolver o subministro e servizo en cuestión. E puxo tres exemplos. O primeiro, o programa de mocidade, con 12.000 a unha empresa para prestar un servizo que ben poidera ser municipalizado; o segundo, os encontros ao vivo, cun investimento de 24.000 euros a dúas empresas para desenvolver unha tarefa de recoller as demandas da veciñanza que sempre fixeron os técnicos municipais; e o terceiro, a festa do deporte, cun gasto de 50.000 euros para levar a cabo tarefas como a de decidir os emprazamentos que, finalmente, fixeron conxuntamente cos técnicos.
"É necesario incorporar medidas para garantir a transparencia e a xestión", manifestou Paco Reyes, que anunciou unha moción para o pleno de setembro na que os socialistas pedirán a incorporación dunha serie de iniciativas ás bases de execución de 2018.
Entre estas medidas, citou a posibilidade de cambiar as contías a partir da que hai que deixar constancia documental do prego e das ofertas, de maneira que se coñeza qué é o que se ten que facer e que sexa público. A empresa que faga a oferta, dixo, estaría asumindo ese prego de condicións, e tería que desenvolver a súa actividade exactamente como establecen ditos pregos.
Outra medida pasa por dar publicidade dos contratos menores antes de que adxudiquen a través do perfil do contratante, que sexa pública a información relativa ao proceso de licitación e que calquera poda acceder e, polo tanto, poida presentar unha oferta. Reyes tamén apostou por dar a coñecer publicamente as adxudicacións e os motivos da mesma, dando opción ás empresas que quedaron fóra a recorrir se así o estiman necesario.
Para o voceiro, estas medidas non supoñen incrementar a burocracia, xa que o perfil do contratante e a administración dixital permiten abrir as convocatorias sen alongar tempos con trámites que agora xa non son necesarios.
Reyes falou, ademais, dos procedementos negociados sen publicidade a, a este respecto, anunciou que o seu grupo solicitará coñecer o nome das tres empresas chamadas nos diferentes procesos e qué empresas renunciaron a participar nos mesmos.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org