Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista pide ao goberno local que non conceda a licenza para a gasolineira de Brandía na parcela prevista e considera outra a carón da estrada a máis axeitada

12/09/2017

O grupo municipal socialista pide ao goberno de Compostela Aberta que non conceda licenza para a apertura dunha gasolineira en Brandía. O seu voceiro, Paco Reyes, explicou esta mañá en rolda de prensa que a parcela na que se pretende ubicar dita estación de servizo non cumpre os requisitos establecidos por lei, xa que esta opción unicamente é viable cando se trata dun uso complementario ao de centro comercial e, en principio, non existe ningunha actuación prevista ao respecto -parcela que, ademais, segundo o Plan Parcial tamén podería ter uso de oficinas-. Así mesmo, os socialistas consideran que, aínda que se cumprira a lexislación, a ubicación elixida non é a máis axeitada, posto que hai vivendas e mesmo un parque infantil moi preto, e lembran que existe outra parcela nas proximidades e pegada á estrada que o Plan Parcial permite esa actividade.

Reyes subliñou que o propio Tribunal Constitucional é claro ao respecto, cunha sentenza de marzo deste mesmo ano que precisamente interpreta o artigo a Lei do sector de Hidrocarburos referente a posibilidade de incoporar gasolineiras aos centros e áreas comerciais. A este respecto, Paco Reyes indicou que dita sentenza subliña que este uso é complementario, e polo tabto, vencellado inexorablemente a que exista dita zona comercial, extremo que non acontece nesta parcela de Brandía.
Polo tanto, o socialista reclama a Compostela Aberta que non conceda licenza e que atenda as reclamacións e alegacións dos e das veciñas da zona, totalmente avaladas pola lei e, nomeadamente, esta sentenza do Constitucional.
Pero é que, ademais, o grupo socialista entende que, malia que se deran as condicións legais, o lugar non é o axeitado para unha gasolineira, posto que se trata dunha zona con vivendas, cun parque infantil moi preto e cunha densidade de tráfico importante e que se vería notablemente incrementada coa estación de servizo. Así, a falta de seguridade e as consecuencias no tráfico, sumadas ao feito de que se trata dunha actuación que non é sostible dentro do propio espírito do planeamento urbanístico, tamén son motivos para que os socialistas non apoien esta gasolineira. De feito, consideran que outra parcela do plan parcial -a Z2C-, a carón da estrada e que ten contemplado ese uso, é a axeitada para esa actividade.
Finalmente, Paco Reyes cuestionou o tipo de gasolineira prevista, "pantasma", isto é, a que non conta con persoal, xa que, como destacou, en dez comunidades autónomas -non en Galicia- están prohibidas ou limitadas e van contra moitos principios e dereitos dos consumidores, como así denuncian moitas entidades a nivel estatal.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org