Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presenta unha proposición ao pleno do xoves solicitando ao goberno municipal a instalación da fibra óptica no ámbito da Cidade Histórica

14/09/2017

O grupo municipal socialista rexistrou unha proposición para debater no pleno ordinario do vindeiro xoves solicitando ao goberno local que encargue, á maior brevidade posible, un informe no que se estude técnicamente a instalación da fibra óptica no ámbito da Cidade Histórica, e que realice as xestións necesarias entre as empresas principais de telecomunicacións e as administracións competentes para que desapareza a discriminatoria situación de "apartheid" tecnológico en servizos de telecomunicacións que está a sofrer a veciñanza e traballadores desta zona. Esta mañá, o voceiro, Paco Reyes, presentou a iniciativa nunha rolda de prensa na que tamén estiveron presentes Camilo Regueira e Juan Pereira, comerciante e veciño do barrio, respectivamente.

O concelleiro referiuse a unha serie de datos, como que segundo o INE, hai máis usuarios de Internet (76,2%) que de ordenador (73,3%), o que constata a necesidade de contar cun servizo axeitado. Para Reyes, pois, facilitar o acceso en boas condicións a unha conexión de Internet nas nosas empresas e vivendas pode servir para dinamizar e promover a instalación de autónomos nese ámbito, así como para incrementar a poboación residente no mesmo. Precisamente a estes puntos referíronse tanto Camilo Regueira como Juan Pereira, o primeiro afirmando que se trata dun servizo imprescindible para os negocios existentes e para os que pretenden instalarse nun centro histórico que aspira a vivir todo o ano dos seus traballos e non depender en exclusiva do turismo -na actualidade hai tarefas que non se poden realizar polos problemas no tráfico de datos-, e o segundo asegurando que "non ter unha conexión a Internet rápida supón retroceder moitos anos". Pereira, que ten pisos en aluguer, informou de que a xente demanda fibra, sobre todo aquelas persoas que precisan traballar dende a súa casa.
Reyes lembrou que xa vai para tres lustros que comezaron instalar infraestruturas de cable de fibra óptica por toda a cidade, sendo o casco histórico o único ámbito baseadoi no ADSL, unha tecnoloxía que, como subliñou, ten case trinta anos de antigüedade e alonxa á poboación desta zona dos avances tecnológicos en telecomunicacións. O edil, ademais, apuntou que mentres que a media de baixada é de 20 Mbps e 2 Mbps de suba, o resultado realizado nunha vivenda da cidade histórica deu como resultado 2,44 Mbps de baixada e 0,19 de suba.
No caso da fibra, as velocidades parten case sempre de 50 Mbps, e poden chegar ata 300. "Sen dúbida, a fibra óptica é necesaria para dispor dunha conexión mínima a Internet dados os requisitos de número de dispositivos conectados e os tráficos de datos que se manexan hoxe en día", manifestou.
Finalmente, afirmou que o goberno local non pode dicir que a instalación é imposible porque existen nas rúas do casco histórico antenas e dispositivos colocados e posiblemente a instalación do cable de fibra suporía a eliminación dalgúns dos mesmos, ao tempo que dixo que non se pode agardar á modificación do Plan Especial porque se trata dunha actuación urxente.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org