Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes aposta pola Mancomunidade para encargarse da xestión do programa de promoción turística Área Santiago

25/09/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, apostou esta mañá por xestionar á Área Santiago, o programa de promoción turística de trece concellos, a través da Mancomunidade, "esa que o alcalde só utilizou para facerse unha foto e unha rolda de prensa". O concelleiro explicou as razóns polas que o seu grupo votou en contra do convenio no pleno do pasado xoves, deixando claro que "Compostela Aberta non falou con nós antes de levar a proposta" e afirmando que, a demais, o informe de Intervención é ben claro sobre a improcedencia da encomenda de xestión a Incolsa.

Malia lembrar que nas súas dúas intervencións plenarias Paco Reyes deu oportunidade á concelleira de Turismo a aclarar o que se di no informe de Intervención, que no seu punto catro afirma que "Incolsa non é medio propio dos Concellos asinantes do convenio de colaboración senón exclusivamente do Concello de Santiago, e da improcedencia da encomenda de xestión no caso de que a sociedade deba a súa vez subcontratar a ampla maioría dos servizos encomendados por non contar con medios propios adecuados e suficientes para levar a cabo a encomenda", Marta Lois non o fixo. Polo tanto, e dado que dito informe é taxativo e non da pé ás interpretacións, o grupo socialista votou en contra do convenio.
"O único que lle pode dar a maioría absoluta a CA é o PSdeG", manifestou Reyes, que engadiu que "semella que o grupo de goberno deuse conta diso no pleno". "Se tivera falado con nós, teriamos dado a solución", afirmou o voceiro socialista, que apostou pola xestión a través da Mancomunidade.
Como apuntou o concelleiro, mesmo a restrictiva Lei Montoro permite a promoción da actividade turística, polo que a Mancomunidade podería asumir a xestión deste convenio. Así mesmo, referiuse a un informe da FEMP que conclúe que o terceiro servizo que prestan as mancomunidades grandes é precisamente o do fomento do turismo, e o mesmo acontece coas de pequeno tamaño (de menos de 5.000 habitantes), ademais de subliñar que a débeda non computa como débeda financieira dos concellos e permite concorrer a subvencións por duplicado.
"Cando o grupo socialista fai unha crítica, sempre pon enriba da mesa unha solución e unha alternativa", asegurou Paco Reyes, en relación á posibilidade de mudar as cousas neste convenio.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org