Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes asegura que co proxecto de intermodal que se vai executar "pérdese a oportunidade de coser a cidade"

28/09/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, asegurou esta mañá que co proxecto de intermodal que vén de ser aprobado pola Consellería e agora será levado ao Consello da Xunta, "pérdese a oportunidade de coser a cidade". Reyes referiuse, ademais, ao informe realizado pola arquitecta municipal, afirmando que vén dar a razón ao grupo socialista cando dicía que se trata dun intercambiador formado por dous edificios unidos por unha pasarela e froito de proxectos diferentes, ademais de ter "mal resoltos" os accesos e integración cos barrios.

Para Paco Reyes, unha vez que o proxecto sexa aprobado polo Consello da Xunta, quedará asinado o "certificado de defunción" do que tiña que ser unha intermodal de referencia para o norte de España e para unir e "coser" a cidade, cuestións que sempre foron demandadas polos socialistas e que si recollía o proxecto gañador, o de Herreros, dun concurso no que estaba Jorge Duarte en calidade entón de decano do Colexio de Arquitectos.
O informe técnico da sección municipal de planeamento sobre o proxecto integrado da nova estación intermodal de Santiago, realizado pola arquitecta e integrado no expediente que se levou a pasada semana a pleno, é totalmente demoledor, xa que comeza dicindo que "este non é o proxecto da estación intermodal que, desde o punto de vista municipal, resultaría máis axeitado para a cidade de Santiago". "O proxecto sometido a trámite non define unha auténtica estación intermodal, entendida como un único edificio, resultado dun proxecto único, no que o transbordo entre os distintos modos de transporte é eficiente e cómodo para o usuario, senón que produce dúas estacións independientes, executadas a partir de proxectos diferentes, de funcionamento totalmente autónomo, nas que a característica intermodal descansa unicamente na disposición dunha pasarela de conexión que une ambos recintos, e na disposición de elevadores e escaleiras mecánicas que deben salvar o forte desnivel entre os accesos norte e sur", di o informe.
Pero, ademais, cuestiona os accesos á estación, sobre todo dende o sur, advertindo de que o usuario deberá subir á plataforma superior (salvando un forte desnivel duns 7 metros), adquirir o billete na planta superior e volver a baixar para coller o autobús, así como a integración coa Pontepedriña, que tamén se cuestiona.
Para Reyes, o informe é tremendamente revelador porque "constata que non existe proxecto de cidade" por parte dos que son os dous "colaboradores" e responsables deste "intercambiador": O Partido Popular e Compostela Aberta.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org