Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo parlamentario socialista presenta na Cámara Galega unha batería de iniciativas reclamando o cuarto Xulgado do Social para Santiago e a urxente dotación de persoal

16/10/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, acompañado pola deputada no Parlamento galego Patricia Vilán, e o representante de UXT Xustiza Manuel Díaz, compareceron esta mañá en rolda de prensa para presentar unha batería de iniciativas parlamentarias nas que se insta a Xunta a reclamar do Goberno do Estado a crear un novo órgano xudicial do Social en Santiago e que cumpra a proposta do Servizo de Inspección do Consello Xeral do Poder Xudicial de nomear -ao designar a un segundo xuíz de apoio- aos correspondentes funcionarios de reforzo, aportando un letrado da Administración de Xustiza, un xestor, tres tramitadores e un funcionario de auxilio xudicial para cada un dos novos xuíces de apoio. Reyes destacou as diferentes iniciativas levadas a cabo neste mandato para mellorar a pranta xudicial de Compostela, nomeadamente solicitando este cuarto Xulgado do Social, o terceiro do Contencioso, outro do Mercantil e un específico de Violencia de Xénero, así como reclamando a especialización para os litixios relativos ás cláusulas solo.

Segundo o voceiro do grupo municipal socialista, o conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, "sempre minte cando fala desta cidade", xa que o pasado ano afirmara que a situación -non se concedera ningún dos xulgados solicitados- "e vemos agora que iso non era certo". Reyes subliñou que a carga de traballo que ten o Xulgado local no eido do Social é moi grande, dado que, aos litixios habituais, engádese que a Xunta ten a súa sede en Compostela, así como figuras que nestes tempos teñen relevancia, como o fiscal de medio ambiente (encargado dos asuntos dos incendios).
Así as cousas, e no marco da colaboración entre os grupos municipais e parlamentario, os socialistas da Cámara Galega veñen de presentar unha serie de iniciativas para o seu debate en comisión e pleno nas que se insta á Xunta que reclame do Ministerio de Xustiza a creación dese novo Xulgado do Social. Pero, ademais, e dado que as competencias do persoal de xustiza recaen directamente no executivo autonómico, os socialistas esixen ao Goberno da Xunta que acate o informe do Servizo de Inspección do Consello Xeral do Poder Xudicial e nomee os funcionarios de reforzo para os tres xulgados existentes -que traballan para cinco xuíces, posto que ao cuarto de apoio sumouse hai uns meses outro máis pola elevada carga de traballo-: un letrado da administración de xustiza, un xestor, tres tramitadores e un funcionario de auxilio xudicial para cada un dos novos xuíces de apoio.
A deputada Patricia Vilán denunciou que se están menoscabando os dereitos da cidadanía, que en moitos casos ten que agardar ata tres anos de media para a celebración de xuízo, e lembrou que as competencias de nomear ao persoal necesario son exclusivamente da Xunta, polo que é responsable máxima do que está a acontecer en Santiago.
Pola súa banda, o representante de UXT Xustiza, Manuel Díaz, informou de que esta situación de discriminación non só é do Social, senón que se produce tanto no social como en Fiscalía, servizos comúns, instrucción ou contencioso-administrativo, destacando, iso si, que o Social ten unha carga moi superior. Así, indicou que os asuntos pendentes de finalización en Santiago son tantos como os de Ourense, Pontevedra e Ferrol xuntos (citou cifras como que en 2016 os asuntos pendentes en Santiago eran 2.017, no 1; 1.823, no número 2; e 1.156, no 3; mentres que en Ourense foron 209 no número 1; 245 no 2, e 187 2 182 nos números 3 e 4 respectivamente), ou mesmo superior aos de toda a provincia de Pontevedra (nove xulgados).
Como destacou, esta situación recae sobre o funcionariado e sobre a cidadanía, xa que se non se notifican a executan as sentenxas non se garante a tutela xudicial efectiva.
Así mesmo, lembrou que tanta era a carga que se nomeou un xuíz de apoio, ao que se sumou un segundo hai tan só uns meses despois dunha inspección do Consello Xeral do Poder Xudicial. O problema está, como dixo, que falta o persoal para atender estas sentenzas. "Agora os funcionarios teén tres xuíces por cada xulgado, polo que non dan feito", manifestou Díaz, que destacou que, malia a redución na xustiza, na Coruña se ten nomeado un novo xulgado de apoio co seu correspondente persoal.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org