Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presenta unha moción reclamando melloras nos accesos ao centro sociocultural de Santa Marta, o uso da sala Magán para a AVV e un parque biosaúdable

18/10/2017

O grupo municipal socialista presentará a este pleno unha moción solicitando unha serie de actuacións en Santa Marta, froito dunha recente reunión con representantes desta entidade veciñal. Entre outras cuestións relativas á mellora dos accesos ao centro sociocultural, a construcción dun espazo cuberto nunha parcela municipal para realizar actividades de lecer e deportivas ou a necesidade de contar cun parque biosaúdable no barrio, os socialistas piden que se teña en conta a petición da asociación para poder utilizar a sala Agustín Magán, que o goberno local non lles permite usar e si a tres compañías de teatro que despois actúan noutros espazos cobrando a correspondente entrada.

Para Reyes, o que está a acontecer coa sala Magán fai reflexionar sobre o política de Compostela Aberta con respecto aos espazos públicos dos centros socioculturais, baseada nun modelo de autoxestión que, se ben os socialistas non rexeitan a priori, considera que debe estar regulado. Así, Reyes indicou que pasado un ano da posta en funcionamento do Matadoiro, resulta necesario facer análise dos resultados, e o mesmo acontece con esta sala de Santa Marta, cun uso por parte de compañías teatrais que poderían encaixar perfectamente na antiga Casa da Xuventude se tivera o uso que defendía o grupo socialista, o de factoría cultural.
Así as cousas, o grupo municipal solicita na moción que se debatirá na sesión plenaria de mañá que o goberno autorice á asociación veciñal a utilizar a sala Magán para o desenvolvemento das súas actividades -aínda que sexa compartindo o uso coas compañías teatrais-, que na actualidade vense na obriga de levar a cabo nun galpón pegado á escola infantil e que data de 1966.
Na moción tamén piden os socialistas ao goberno municipal unha parcela para dotar á entidade dunha marquesiña na que poder celebrar actividades de lecer e deportivas, así como que se inclúa nos orzamentos de 2018 a instalación dun parque biosaúdable no barrio. A este respecto, Paco Reyes considera que este tipo de equipamentos non deben formar parte das propostas de orzamentos participativos, senón que supoñen unha "obriga" para as administracións porque son elementos de prevención de enfermidades e de promoción da saúde (enmarcadas, como dixo, dentro dun Plan Municipal de Sáude).
Finalmente, o grupo socialista reclama unha serie de melloras nos accesos ao centro sociocultural de Santa Marta, nomeadamente a reparación de beirarrúas, a mellora do alumeado público e a colocación dunha baranda de entrada a este espazo.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org