Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes denuncia que Compostela Aberta non teña convocado ata o momento once dos catorce consellos municipais de participación que funcionaron ata 2011

19/10/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, denunciou esta mañá en rolda de prensa que Compostela Aberta está incumprindo o que foi un dos puntos estrela do seu programa electoral: a participación. A este respecto, o edil asegurou que de 14 consellos municipais existentes, unicamente se teñen reunido nestes máis de dous anos de mandato un total de tres: saúde, medio ambiente e relacións veciñais (e mesmo este incumprindo os prazos).

O concelleiro socialista deu conta dun informe presentado polo propio goberno municipal a requerimento dun representante veciñal precisamente nun dos tres consellos de participación que si están funcionando, o de relacións veciñais, que conclúe que de 14 consellos municipais creados e funcionando ata 2011 -sendo alcalde o socialista Sánchez Bugallo-, once non se teñen reunido dende entón.
Para Paco Reyes, este feito é especialmente grave, posto que Compostela Aberta precisamente baseou parte da súa campaña e programas electorais no fomento e incremento da participación. Así, manifestou que "despois destes dous anos e tres meses, algunha explicación terán que dar", afirmando ademais que colectivos da cidade están preocupados pola non convocatoria de consellos como o de educación, o de benestar -con 4.000 persoas en situación de extrema pobreza- ou o de cultura -nunha cidade, dixo Reyes, que foi referente neste eido durante outros tempos-.
Ante esta situación, o grupo municipal socialista presentará unha pregunta no pleno do vindeiro mes de novembro.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org