Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo municipal socialista cualifica os orzamentos autonómicos de 2018 como os do "ninguneo" a Santiago

23/10/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, valorou esta mañá os orzamentos da Xunta para o vindeiro exercicio de 2018, cualificándoos como "os do ninguneo, unha vez máis, a Santiago de Compostela" e na liña, polo tanto, de anos anteriores. Para Reyes, as contas que se prevén para 2018, e que serán emendadas en vindeiras datas coas propostas que se traballarán conxuntamente co Grupo Parlamentario Socialista, causan preocupación porque non están preparando a Santiago para o Ano Xacobeo de 2021 -precisamente hoxe destacou o concelleiro a celebración do trinta aniversario da declaración do Itinerario Cultural Europeo ao Camiño de Santiago-, ao tempo que constatan as malas relacións institucionais de Compostela Aberta co Goberno da Xunta.

O concelleiro socialista asegurou que "non se percibe polas partidas previstas pola Xunta que xa pasou o período de crise", subliñando os escasos e limitados investimentos en temas prioritarios e básicos para garantir o estado de benestar, como a vivenda, a sanidade ou a educación. Así, afirmou que non hai "nin un só euro" para vivenda social, para a rehabilitación no casco histórico e núcleos rurais, nin para a ampliación do Conservatorio, nin da Escola Oficial de Idiomas, nin para a escola infantil de Santa Marta ou para os aparcadoiros disuasorios. Tamén criticou que a partida para a EDAR baixe á metade do ano pasado, "polo que os fondos Feder penden cada vez máis dun fío máis pequeno", o mesmo que acontece co CHUS, ao que lle adxudican 500.000 euros. Sobre esta cuestión, Reyes apuntou que mentres que as partidas para o CHUS redúcense á metade, no caso da Coruña son de máis de dous millóns, e no de Ferrol ascenden a 2,4 millóns de euros.
Tamén cuestionou que o Consorcio e a Capitalidade leven a mesma cantidade dos últimos anos, moi alonxada no caso da Capitalidade da etapa de Pérez Touriño -2.325.000 euros para 2018 fronte os 3.180.000 de 2009-. Para o edil, estas partidas non preparan a Santiago para o vindeiro Ano Xacobeo de 2021, un ano crucial e "punto de inflexión" para seguir crecendo ou empezar a retroceder.
O nivel de execución tamén foi criticado por Paco Reyes, que dixo que esa mesma falta de investimento que se lle critica á goberno local de Compostela Aberta tamén se fai extensiva ao goberno da Xunta. Sobre este punto, o concelleiro citou o caso da nova Facultade de Medicina, cunha partida de cinco millóns que é a mesma que se contemplaba para 2017, pero que quedou sen executar.
Unha das ausencias máis destacadas, e negativas, para a cidade é a do centro de saúde de Conxo; actuación que xa desbotou recentemente o xerente do Sergas. Reyes puxo de manifesto a necesidade deste equipamento -"non é un capricho da veciñanza de Conxo ou do grupo socialista, senón que é unha necesidade que xa quedou de manifesto nos orzamentos de 2009, pero que o PP foi deixando quedar ata que agora xa o elimina", dixo o voceiro-, indicando que os máximos que aconsellan é 987 pacientes por médico xa quedan superados para as cifras actuais de 15.000 e unhas previsións de 20.000 persoas. Así, lembrou que o novo centro daría servizo non só a Conxo, senón tamén á veciñanza de Vidán, Santa Marta, avenida de Ferrol, praza da Mercede ou Volta do Castro.
O edil tamén tivo palabras de crítica a Compostela Aberta, xa que, como dixo, dando opción a utilizar a parcela que se ía destinar ao centro de saúde para aparcadoiro en superficie -necesario, pero non neses terreos-, o que se está a facer é dar xustificación ao PP para non construir este equipamento básico.
Ante a situación actual e as necesidades existentes, os socialistas instan ao goberno da Xunta a abrir o actual centro polas tardes -extremo que non acontece na actualidade- mentres que non se constrúan as novas instalacións.

RESPOSTA A AGUSTÍN HERNÁNDEZ
Por outra banda, e despois das declaracións da fin de semana do voceiro do PP, Agustín Hernández, responsabilizando ao PSdeG de que non saian adiante as súas propostas, Paco Reyes manifestou que "amosa a súa frustración con respecto a si mesmo". "Cando un é candidato, debe asumir e respectar a decisión da cidadanía e cada un sabe cántos concelleiros ten que sumar para aprobar as súas propostas", dixo o voceiro socialista, que indicou que o seu grupo trata de facelo con cada iniciativa, mesmo tratando de acadar a unanimidade.
Para o concelleiro, o PSOE non é responsable de que a cidadanía non lle dera a Alcaldía. "Agustín Hernández estivo un ano e medio no goberno de Santiago e a cidadanía díxolle que non quería que repetira", afirmou Reyes, que engadiu "os números non lle deron e seguen sen saírlle, e semella que ese é o motivo da súa frustración".
O edil incidiu, unha vez máis, en que "non imos facer alcalde a Hernández nin con tres nin con catro concelleiros", xa que o grupo socialista "non está na súa liña ideolóxica nin no seu proxecto de cidade, se é que o ten". "Santiago xa sabe o que é ter goberno local do PP e non mellora a situación de Compostela Aberta", indicou Reyes, que asegurou que "leccións do que é unha lista electoral, ningunha por parte de quen foi alcalde pechando unha, da que tivo que dimitir o número un por delicto fiscal, outro por acoso a un policía e outro por falsedade documental".
"Que se centre no seu", concluíu.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org