Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo municipal socialista presentará unha moción ao pleno de novembro reclamando que os bloques de vivendas da Campsa, en Conxo, se inclúan no Plan de Ascensores

31/10/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, acompañado de varios veciños da zona, anunciou esta mañá a presentación, por parte do seu grupo, dunha moción para o seu debate no pleno do vindeiro 16 de novembro solicitando unha serie de melloras na zona do parque Ponte Pereda e os bloques de vivendas coñecidos como os da Campsa, en Conxo. Reyes realizou un percorrido por esta zona para amosar "in situ" a situación na que se atopa este espazo verde e lecer e as necesidades que teñen estes sete inmobles que contan cun total de 56 vivendas.

O concelleiro informou de que na moción se pedirán unha serie de actuacións urxentes e, sobre todo, moi necesarias e demandadas pola veciñanza dende hai moito tempo. As máis acuciantes, dixo, a inclusión destes sete bloques de vivendas no Plan de Ascensores, posto que se trata de edificios con catro andares no que residen moitas persoas maiores con escasos recursos económicos e "non suporía un investimento demasiado elevado, sobre todo tendo en conta as ventaxas sociais que conlevaría dotar a estes edificios de ascensores".
As prazas de aparcadoiro tamén son outra demanda, que nestes tempos incrementouse dado que sete espazos (dos 14) que se eliminaran nestas vivendas para a execución das obras do túnel do Conxo continúan sen poder ser utilizados e, como denunciaron os propios veciños, coa presenza constante do guindastre na zona. Por iso, Reyes solicitou que se repoñan esas prazas (subliñou que con facer unha chamada de teléfono para retirar os sinais que están aínda colocados o problema xa quedaría resolto) e que, ademais, o Concello outorgue tarxetas verdes de residentes ás persoas de ditos inmobles porque xeralmente non poden estacionar.
En canto ao parque infantil Ponte Pereda e zona verde e de lecer que se atopa xunto na parte traseira das vivendas -un espazo moi frecuentado polas tardes e fins de semana-, o edil socialista apuntou que é necesario adecuar urxentemente o chan á normativa europea -segue sendo de area e mesmo está a crecer a herba-, reparar o firme que está levantado polas raíces das árbores e está a provocar numerosas caídas, instalar máis puntos de luz e limpar e poñer en funcionamento unha fonte que na actualidade se atopa nun evidente estado de abandono e falta de mantemento.
Todas estas demandas serán incluidas nunha moción que presentará o grupo municipal socialista no pleno ordinario do mes de novembro, que se celebrará o vindeiro 16 de novembro.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org