Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes denuncia o escaso nivel de execución no capítulo de investimentos no primeiro semestre do ano

02/11/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, denunciou esta mañá o escaso nivel de execución nos investimentos que se recolle na liquidación do primeiro semestre do ano, e que non chega ao 9%. Aínda que o concelleiro matizou que se trata de catro meses reais -os orzamentos foron aprobados a finais de febreiro- e que xeralmente no final de ano o gasto tende a incrementarse, o certo é que, atendendo a estas cifras, todo apunta a que se repetirán os niveis aos de 2016, que foron dun 18% real -xa que ao 22% habería que descontar o 1,6 millóns da sentenza do parque de bombeiros-. Estas cifras, como destacou, quedan moi lonxe do 45% de 67 millóns de euros de 2009 ou do 51,2% de 54 millóns de 2010, anos nos que gobernaba o socialista Sánchez Bugallo.

"Leccións de Compostela Aberta ao Partido Socialista, ningunha, senón máis ben ao revés", asegurou Paco Reyes, en relación ás diferenzas entre os niveis de execución en investimentos durante a etapa de goberno de Sánchez Bugallo -que, como destacou, dos anos 2009 e 2010 pode consultarse no propia web do Concello-, e os de Compostela Aberta. Ademais da ampla diferencia en porcentaxe, Reyes destacou que "obviamente, non é o mesmo gastar o 45% de 67 millóns de euros que o 18% de 21 millóns". "Repetir moitas veces unha mentira non a convirte en realidade", dixo Reyes, en relación ás reiteradas manifestación dos responsables municipais afirmando que durante a etapa de Bugallo o nivel de execución de investimento foi do 32%. "É falso e pódese consultar na propia web do Concello", engadiu.
Por outra banda, o concelleiro socialista subliñou que a Intervención advirte de que non poden quedar tantos remantentes sen gastar e acumulándose no banco. "Os cartos non teñen que estar nos bancos, senón que deben gastarse nas rúas, nas fochancas, no mantemento, no socialů teñen que estar na cidade", asegurou.
Tamén alertou dunha transferencia de capital de 175.000 euros de asistencia social primaria a iniciativas de mocidade e culturais. Sen cuestionar os destinatarios, o voceiro do PSdeG cuestionou que a partida fora retirada dun eido tan sensible como o social. "Non creo que o mellor sexa transferir 175.000 euros cando temos na cidade 4.000 persoas en situación de pobreza extrema", manifestou.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org