Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo municipal socialista presentará unha proposición ao pleno deste mes solicitando a construcción dunha rotonda na rúa Restollal, á altura da intersección con Rosa Pardo

06/11/2017

O grupo municipal socialista presentará no pleno do vindeiro 16 de novembro unha proposición solicitando a creación dunha rotonda na rúa do Restollal á altura da intersección coa rúa de Rosa Pardo. O seu voceiro, Paco Reyes, compareceu esta mañá en rolda de prensa para explicar as razóns que motivaron esta iniciativa -que xa incluían os socialistas no seu programa electoral- así como as ventaxes de executar unha actuación que suporía refacer a beirarrúa, instalar isletas -central e lateral-, mellorar a recollida de pluviais, alumear a rotonda e repintar a sinalización horizontal da zona.

O grupo municipal socialista é consciente do elevado investimento necesario para afrontar a renovación integral e a humanización da rúa do Restollal, polo que considera necesario levala a cabo por fases. Así, para agora propón a creación dunha nova rotonda nesta vial, á altura da intersección coa rúa de Rosa Pardo.
Como explicou esta mañá Paco Reyes en rolda de prensa, esta actuación -cuxo investimento ascendería, como moito, a 100.000 euros e, polo tanto, é perfectamente asumible para o goberno local- conlevaría unha serie de beneficios, como o efecto de calmado do tráfico, coa consecuente redución da velocidade de circulación dos tráficos e a mellora da seguridade viaria; favorecer o xiro dos vehículos procedentes do centro cara as rúas existentes entre as rúas Restollal e da Estrada -na actualidade deben subir ata a rotonda do Castiñeiriño para efectuar un cambio de sentido, sobrecargando aínda máis unha rotonda con numerosos atascos nos seus accesos-; reordenar a saída do aparcadoiro subterráneo do centro comercial cuxa configuración actual preferente desembarca en medio da calzada da rúa entre carrís de circulación; e reorganizar axeitadamente a distribución dos carrís de baixada da rúa, especialmente os de acceso á rotonda de Pontepedriña.
Para o edil socialista, con esta obra favorecerase ao conxunto da cidade, pero dun xeito especial á veciñanza do barrio antigo de Pontepedriña, que actualmente soportan unha importante carga de tráfico -ademais, en moitos casos con elevada velocidade-, e ás persoas que van para as novas urbanizacións desta zona.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org