Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo municipal socialista leva ao pleno deste mes unha moción de Unións Agrarias solicitando medidas para revitalizar un rural que, din, está abandonado pola Xunta

08/11/2017

O grupo municipal socialista presentará no pleno ordinario do vindeiro 16 de novembro unha moción contra o abandono do medio rural galego e instando ao goberno da Xunta a desenvolver un decálogo de iniciativas dirixidas a potenciar o rural, que en Santiago supón o 20% das altas á Seguridade Social. O voceiro, Paco Reyes, compareceu en rolda de prensa co responsable de Gandería de Unións Agrarias, Javier Iglesias, para presentar o documento, así como anunciar unha gran mobilización para a mañá do sábado 18 a prol do medio rural.

Para Paco Reyes, o rural ten un "potencial importante" no desenvolvemento de Santiago e, a este respecto, lembrou que dos 255 kilómetros cadrados, unha parte considerable é rural, cunhas 2.000 explotacións entre agrarias e agrogandeiras, a maioría cunha estrutura familiar. A este respecto, valorou o traballo desenvolvido por Unións Agrarias -mesmo de asesoramente ao grupo-, pero tamén o levado a cabo polos socialistas, que, como destacou, neste mandato ten impulsado unha serie de solicitudes encamiñadas a mellorar as condicións do rural compostelán. Porque, como subliñou, aínda que a moción inclúe un decálogo de propostas dirixidas á Xunta de Galicia, tamén se trata de dar un "toque de atención" ao goberno local que, como dixo, ten capacidade para poder desenvolver políticas activas e para implicarse.
Así, algunhas destas iniciativas foron as bonificacións acadadas de ata un 95% para as explotacións agrarias nas ordenanzas de 2016; o investimento de todo o recadado a maiores polo "catastrazo", dentro dos acordos con CA para os orzamentos de 2017; a crítica e solicitude -sen éxito neste caso- de recuperación da competencia das liñas de bus para, a través de Tussa, poder dar resposta ás necesidades de rutas e horarios en toda a zona rural; ou a potenciación dende a institución local de cooperativas a través de microcréditos, fomentando canles de comunicación propios e apostando polos produtos frescos e ecolóxicos.
Por todo iso, o grupo municipal socialista -dixo Reyes- está lexitimado para presentar a moción que está presentando Unións Agrarias por todos os concellos de Galicia, e que pide, entre outras cousas, a aplicación inmediata dun paquete de medidas urxentes de contención económica que asegure a supervivencia das explotacións que se viron afectadas polas inclemencias climáticas e os lumes catastróficos; a reforma do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia; a aposta polos servizos no rural galego, mantendo os puntos de atención sanitaria e asistencial; ou o ramte da sucesión de accións punitivas injustificables contra as rendas dos produtores do rural por parte das administracións estatal e autonómica.
Pola súa banda, Javier Iglesias agredeceu a premura do grupo socialista na tramitación desta moción, ao tempo que fixo un chamamento á participación cidadá na mobilización do día 18 que, aínda que se convocou antes da vaga de lumes, reivindicará, entre outras cousas, que "máis aló do debate sobre se o operativo foi o suficiente ou non, o que pasou é unha consecuencia do abandono da Xunta ao rural".
O responsable de Gandería de Unións Agrarias tamén criticou, entre outras cousas, a campaña de 400.000 euros na que se da a entender ao 80% de poboación de costa, dixo, que no rural non se pagan impostos, ou o anuncio de Feijóo de 20 millóns para afectados polas xeadas, que aos quince días xa baixou a 10 e finalmente quedou en 500.000 euros "e con trampa porque só poden acceder os autónomos e todo o mundo sabe que no 95% dos casos a producción de viño é actividade secundaria e non principal".


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org