Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes fai pública a "inquedanza" do grupo socialista ante a "parálise" na que se atopa a construcción da EDAR e afirma que o Concello non pode asumir a posible perda de fondos

13/11/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, amosou esta mañá publicamente a "inquedanza" do seu grupo pola situación de "parálise" na que se atopa a estación depuradora de augas residuais (EDAR), ao tempo que asegurou compartir a preocupación da veciñanza de Ames, sobre todo das zonas a menos de 500 metros do lugar no que se ten pensado ubicar no Souto, polas consecuencias que se poden derivar de dito emprazamento.

Como lembrou Reyes, xa se teñen perdido unhas achegas da Unión Europea e agora existe un risco certo de que aconteza de novo dun xeito definitivo. Para o voceiro municipal, malia os informes que marcaban a Silvouta como emprazamento máis axeitado e a tecnoloxía de membranas a mellor por supor menos ocupación de espazos e movemento de terras, acusou ás diferentes administracións do Partido Popular -Goberno central, Xunta e Concello na súa etapa na Alcaldía- de retrasar un proxecto, amparándose nunha sentenza que tampouco "tumbaba" a opción inicial.
E por iso, o voceiro socialista considera que desa parálise, que pode derivar na perda definitiva dos fondos europeos, non poden responsabilizarse os veciños e veciñas de Santiago. Así, Paco Reyes apuntou que en calquera convenio que se asine, a administración da Xunta e do Estado deben considerarse responsables de calquera dilación que se produza coa EDAR e, polo tanto, sufragar dita posible perda de fondos comunitarios. A este respecto, o grupo municipal socialista trasladará esta cuestión ao grupo de goberno local a través dunha batería de preguntas e consideracións, na que se atopa tamén o instar ao Concello a esixir á Xunta e Goberno central o acceso ao proxecto.
Sobre esta cuestión, Reyes lembrou que "sabemos que o proxecto se está a reformar, pero non sabemos cómo", insistindo en que "non sabemos a folla de ruta", unicamente que a EDAR está nun estado de "parálise".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org