Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista denuncia os "baixísimos" niveis de execución orzamentaria nos programas de asistencia social e de promoción do emprego, comercio e muller

27/11/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, compareceu esta mañá en rolda de prensa para facer pública a "fonda preocupación" do seu grupo ao coñecer os datos relativos ás cifras oficiais de execución dos orzamentos de 2017 a data 30 de setembro -é dicir, o terceiro trimestre-, posto que, a un nivel no que se refire aos investimentos inferior ao 10%, engádese un baixísimo nivel de execución tamén no referente as gastos en programas e gasto corrente. Para Reyes, o feito de que nos programas sociais ou de promoción do emprego as partidas sen investir superen amplamente o 70% supón un "serio problema" de falta de xestión.

O concelleiro socialista destacou, fundamentalmente, o escaso nivel de gasto en execución de programas de asistencia social (77% sen executar), fomento do emprego (83,6%), inmigración (77,3%), muller (76% sen executar), comercio (70,1%) ou promoción empresarial (cun 94,4% do orzamentado sen gastar). Para Reyes, que un goberno que se di de esquerdas non teña en conta o eido social ou o de promoción de emprego -que, ademais, son os dous principais problemas que ten a cidade-, resulta especialmente grave, ao tempo que denunciou o "continuismo" deste problema de baixa execución orzamentaria nos últimos seis anos, nomeadamente dende o último goberno con alcalde socialista -dende entón, dixo Reyes, o nivel nunca foi superior no capítulo de investimentos ao 24%-. Este problema, segundo engadiu, tamén afecta ao que se refire ao mantemento da cidade, e en práticamente todas as partidas do gasto.
Ante este escenario, o voceiro socialista alertou acerca das recentes declaracións do grupo de goberno sobre a intención de presentar uns orzamentos, os de 2018, "alcistas". A este respecto, matizou que "non se pode falar de orzamentos alcistas con estes niveis de execución", ao tempo que afirmou que "non se trata de pintar un orzamento porque o papel todo o resiste", xa que "non é serio ante a cidadanía nin antes os grupos municipais cos que está traballando niso". Polo tanto, afirmou que o seu grupo vaille "dar unha volta" porque "non se poden avalar proxectos de fantasía ou que non se executan na realidade".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org