Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presentará unha moción ao pleno de decembro instando ao goberno local a actuar de forma urxente na rehabilitación dos inmobles de Pontepedriña

30/11/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, anunciou esta mañá a presentación dunha moción para o pleno ordinario de decembro reclamando unha actuación urxente de rehabilitación en Pontepedriña, despois de que o grupo xa o solicitara hai meses, pero sobre todo a raíz do desplome dunha fachada da rúa Samos hai unha semana. Reyes explicou que na tarde de onte os concelleiros socialistas mantiveron unha reunión con veciños e veciñas do barrio que rematou co compromiso de presentación desta moción, ao tempo que criticou fondamente que ata o momento, o goberno local unicamente retirou os escombros.

O concelleiro socialista destacou o estado "lamentable" no que se atopa o edificio da rúa Samos cuxa fachada sufriu a pasada semana un derrubo; situación que, como dixo, empeorará agora co frío e as chuvias. Ante esta pasividade do goberno municipal, que leva sendo unha constante en todo o mandato, Paco Reyes anunciou a presentación dunha moción na que os socialistas urxirán ao grupo local a actuar neste inmoble e en todos os do barrio. Por un lado, o voceiro lembrou que moitos dos inmobles son propiedade da Xunta, polo que se pode actuar de oficio na reparación e rehabilitación e despois pasarlle o custe, ao tempo que subliñou a necesidade de desenvolver o ARI.
O edil lembrou que en Pontepedriña existe un bo número de familias nunha situación laboral e económica moi precaria, e que, polo tanto, resulta prioritario impulsar políticas rehabilitadoras que non supoñan un custe imposible de atender para estas veciñas e veciños.
Por outra banda, e neste caso sobre as noticias aparecidas en prensa sobre a preocupación de CA polo futuro da EDAR, Reyes deu a "benvida" ao grupo de goberno por "darse de conta" da situación da depuradora, malia telo advertido no primeiro pleno do actual mandato, ao tempo que subliñou que aínda non coñecen o proxecto malia telo solicitado aos responsables municipais hai xa tempo.
Para o edil, estamos ante "unha situación moi difícil" e cunha "espada de Damocles" enriba: a duns fondos europeos que podemos perder por segundo, e definitiva, ocasión. A este respecto, Reyes asegurou que todo o que vén acontecendo coa EDAR ten un responsable, o Partido Popular, que gobernou nas tres administracións implicadas, e un nome propio: Agustín Hernández, como "autor e cómplice" tanto na perda de fondos como nos contratos e convenios asinados, primeiro como conselleiro de Infraestruturas e logo como alcalde.
De feito, Reyes lembrou que a súa primeira rolda de prensa, aló por finais de ano de 2011, foi precisamente para advertir de que a EDAR estaba no aire. "E, seis anos despois, a situación é que temos un serio risco de ter que afrontar un investimento de 80 millóns de euros sen o apoio da Unión Europea", dixo.

DECLARACIÓNS DE HERNÁNDEZ SOBRE O GRUPO SOCIALISTA
Finalmente, relativo ao propio Hernández e ás declaracións que leva facendo nestes tempos sobre a situación do grupo socialista, o voceiro socialista quixo facer unha "reflexión" acerca desta "actitude". "Leva un bo tempo doente e chorando porque quedou relegado como teórico xefe da oposición", manifestou o concelleiro, que engadiu que o voceiro do Partido Popular actúa así porque está "celoso".
Paco Reyes indicou que o seu grupo asumiu o mandato da cidadanía nas eleccións de 2015, o de fiscalización da acción de goberno, pero cunha actitude moi propositiva. "Cando facemos unha crítica, sempre engadimos unha proposta, sempre estamos dispostos a negociar", afirmou o concelleiro socialista, para o que "isto conleva que o PSOE sexa escoitado".
"Peor para a cidade non é mellor para o Partido Socialista", afirmou Reyes, que subliñou que o compromiso do seu grupo coa cidade plasmouse nun programa que decidiron defender neste mandato e que, polo tanto, "non temos complexo ningún" en votar co grupo que defenda ou propoña algunha actuación que estea contemplada no noso programa.
Paco Reyes recomendou a Hernández que "pense máis na cidade e menos no PSOE", ademais de engadir que "non se gaña nada facendo oposición á oposición". "Non só hai que facerse oír, senón que tamén hai que facerse escoitar", asegurou o concelleiro.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org