Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes pregunta a CA as razóns que levaron ao Concello a non persoarse na causa da ORA e o guindastre e afirma que todo o proceso é a "historia dunha chapuza anunciada"

04/12/2017

O voceiro socialista, Paco Reyes, manifestou esta mañá en rolda de prensa que o que ten acontecido coa pretendida municipalización da ORA e do guindastre é a "historia dunha chapuza anunciada". O concelleiro valorou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de 9 de novembro, e preguntou ao goberno local a razón pola que o Concello non se persoase, malia ser un proceso que afectaba moito á administración local. Ademais, afirmou que o fallo pon de manfiesto que o proceso se debería ter xestionado doutro xeito dende o primeiro momento.

Reyes informou de que a sentenza, pola que se desestima o recurso interposto por Setex Aparki, ten data do 9 de novembro, pero non foi notificada oficialmente ao Concello ata o 30 de novembro. "Entendemos que o goberno local non o soubera antes por non persoarse", dixo o voceiro socialista, que engadiu que "menos mal" que o concelleiro do PSdeG Gonzalo Muiños parou a aprobación dos orzamentos de Tussa porque nos mesmos non se contemplaba o fallo da sentenza e agora, grazas a iso, poderán modificarse.
Para o concelleiro, unha vez coñecido que o Concello vai ter que aboar, en virtude do fallo xudicial, en torno a 700.000 euros -o 6% do prezo do contrato- a ORA e o guindastre é "claramente un contrato ruinoso polas decisións que tomou Compostela Aberta" e as interpretacións que fixo, "equivocadas", do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Por iso, o grupo socialista quere saber as razóns polas que, ante un tema de tal calado e que afecta tanto ao Concello, non se persoou, e agora di que vai presentar recurso contra esta sentenza.
"Á vista de todo o que ten acontecido, pensamos que non se puido facer peor nin puido ser máis custoso para o Concello de Santiago", asegurou Paco Reyes.
Con respecto á intención de Compostela Aberta de retomar agora o proceso municipalizador da ORA e o guindastre, o voceiro lembrou que na anterior ocasión o grupo socialista abstívose "para dar unha oportunidade a CA a facer unha memoria conforme á lei e atender ás nosas alegacións".
Para Reyes, tal e como estaba a memoria e cos informes de Intervención, Secretaría Xeral e Persoal, non se pode aprobar.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org