Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes lembra que o Concello leva 18 meses sen convocar a praza de Director da Banda Municipal de Música, así como as catro de músicos contempladas na RPT

05/12/2017

Dezaoito meses. Este é o tempo que leva o Concello sen convocar a praza de director da Banda de Música Municipal, e que dende a marcha do Mestre Romero está a ser desenvolvida de forma interina polo subdirector. Esta situación anómala foi denunciada esta mañá de novo polo voceiro socialista, Paco Reyes, que puxo como exemplo de bo facer neste eido ao Concello da Coruña, tamén gobernada como Compostela polas Mareas, e que tardou en cubrir a praza de director dunha banda con 70 anos de existencia -cen menos que a local, que vai cumprir 170- tan só un mes.

O concelleiro socialista tamén destacou o proceso de selección elixido na Coruña, xa que na cidade herculina foron os propios músicos os que avaliaron e votaron pola persoa máis axeitada para o posto, despois de dirixir os aspirantes á banda nunha serie de concertos proba.
"Pola contra, aquí vaise iniciar a tempada de celebración do 170 aniversario da Banda e non temos nin un director titular", manifestou Reyes, que subliñou que os propios músicos levan presentados ata tres escritos ao grupo de goberno solicitando que se cubra dita praza -en xullo, setembro e outubro- sen obter resposta ningunha.
Por outra banda, e tamén vencellado á RPT, o voceiro do grupo socialista referiuse de novo á Coruña, para comparar neste caso o número de músicos de cada unha das Bandas Municipais. Así, mentres a da cidade herculina ten 42 con estabilidade laboral e ata nove máis -un total de 51- con contratos temporais e de reforzo, en Santiago hai 34 e dende que marchou o mestre Romero non se ten realizado contratación ningunha. A este respecto, Paco Reyes indicou que existen catro vacantes na RPT, polo que podería haber xa 38 músicos. Estas vacantes correspóndense a dúas prazas de laborais fixos que se jubilaron en maio deste ano e outras dúas a prazas de funcionarios para percursión e saxofón. Segundo afirmou o edil, as previsións do actual grupo de goberno pasan por cubrir unicamente unha das prazas de laboral fixo, amortizando a outra.
"Non ten nada que ver a visión que ten a Marea da Coruña da súa Banda coa que ten a de Santiago da nosa", asegurou Reyes, que tamén criticou duramente o comportamente do equipo de goberno local coa Asociación de Amigos da Banda de Música.

ASOCIACIÓN DE AMIGOS DA BANDA
A este respecto, Reyes asegurou que o goberno municipal non ten respostado á proposta desta entidade, feita pública o 21 de abril no acto do seu primeiro aniversario, relativa ao programa de actos de celebración do 170 aniversario da Banda, baixo o título "A Banda no Camiño". Esta idea, que serviría como recoñecemento da banda e tamén como revulsivo do Camiño e da cidade, foi nun principio ben recibida polos responsables locais e mesmo ampliada coa participación da Alcaldía noutros eventos deste programa nun encontro celebrado o pasado 9 de outubro, pero dende entón, a asociación non ten recibido resposta algunha a estas cuestións. De feito, a presentación das actividades estaba prevista para o 21 de novembro e, ante a falta de resposta por parte do goberno, pospúxose para o 12 de decembro, ás seis da tarde na Cidade da Cultura.
Paco Reyes instou ao goberno local a respostar á Asociación de Amigos da Banda dun xeito inminente, ao tempo que destacou o labor realizado por esta entidade.


Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org