Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes cualifica o ano 2017 como o do "quero e non podo" de Compostela Aberta na súa acción de goberno

28/12/2017

"Quero e non podo". Con esta frase cualificou a acción política do goberno local deste ano o voceiro do grupo municipal socialista, Paco Reyes. Para o concelleiro, 2017 evidenciou que unha cousa era o relato co que se presentaron ás eleccións de 2015 e que estaba moi ben contado, e outra ben distinta é ter proxecto de cidade, o que quedou constatado que non tiñan.

Para Reyes, o "quero" desta frase coa que pensa que se define á perfección o acontecido este ano co grupo de goberno en Santiago, parte dese relato que contaron "tan ben" durante a campaña electoral das municipais e que, despois de máis de dous anos, constataron que non ten nada que ver con contar cun proxecto de cidade. Isto, dixo Reyes, deu lugar a unha evolución que vai dende ese 2015 ata o peche dos orzamentos para 2018, na que existiu unha progesiva "identificación co proxecto de cidade do PSdeG-PSOE e unha especie de usurpación que nós non valoramos mal, por suposto, porque queda de manifesto que o noso grupo ten un proxecto realista, solvente e que da solución aos problemas da cidade e que mira para o seu futuro".
Ademais, engadiu, ese "abrazo" ao proxecto socialista vese no feito de que en 2016 Compostela Aberta aceptou unha proposta e media de 31 propostas presentadas polos socialistas, en 2017 xa foron 20, e de calado, as iniciativas aceptadas polo grupo de goberno; e na proposta que posiblemente vaia a pleno en xaneiro de orzamentos de 2018 son 40 as propostas socialistas asumidas polo grupo de goberno. A isto, hai que engadir que un tercio dos proxectos de CA teñen orixe en iniciativas de diversa índole presentadas polo grupo socialista en plenos.
En canto ao "non podo", o voceiro referiuse aos "claros problemas de xestión" dos responsables municipais no día a día, que se plasman no baixo nivel de execución dos investimentos -nun 22%, similar ao dos catro anos do PP cos tres alcaldes-.
Así mesmo, Paco Reyes criticou que existen grandes proxectos "fallidos" na cidade, resultado de que "CA abrazou os proxectos cutres do PP", como son a intermodal, convertida nun simple intercambiador, ou a EDAR, que perdeu os fondos europeos por culpa do Partido Popular e agora vai en camiño de perder os actuais.
Para Reyes, a mostra clara desa mala xestión cotiá e o que acontece cada ano cos comedores escolares, un servizo que, ademais, ten unha importancia fundamental posto que estamos a falar da alimentación de moitos nenos e nenas. Como dixo o voceiro, "este é o terceiro ano consecutivo que CA elabora os pregos de comedores e o terceiro ano con problemas", o que non só evidencia ese problema de xestión, senón esa falta de proxecto e unha falta de aprendizaxe.
Finalmente, o concelleiro socialista citou o Plan Estratéxico de Turismo, ou o de xestión do casco histórico como carencias de especial relevancia neste ano -e dos anteriores-, e denunciou situacións como que en setembro houbera un 78% do orzamento para asistencia social primaria sen gastar cos datos existentes de persoas en risco de exclusión social ou en situación de extrema pobreza, ou escaso gasto social por habitante -moi por debaixo do asinado no Pacto contra a Pobreza-, así como a falta de políticas de fomento do emprego cando a EPA di que hai en Santiago 8.500 persoas que non atopan emprego e Compostela é a segunda cidade na que máis se incrementou o paro (en catro baixa). Tamén cuestionou o transparencia de CA, lembrando que Santiago está no posto 114 de 141 na aplicación da Lei de Transparencia.
Por outra banda, Paco Reyes fixo alusión ao fracaso nas relacións institucionais do goberno local coa Xunta e o Goberno central, como a necesaria aprobación do Plan Compostela para o Xacobeo, que CA xa asume que non vai poder ser para o de 2021, a rotonda de Conxa ou o orbital. "Dalle unha xustificación ao PP para o ninguneo sistemático á nosa cidade", dixo o voceiro do PSdeG, para o que "Santiago non lle interesa ao PP e eses erros de Compostela Aberta nas relacións institucionais dalles a xustificación".
"Agardamos que 2018 sexa un ano no que se escoite máis ao PSdeG-PSOE e que o grupo de goberno sexa quen de levar a diante as propostas", manifestou o concelleiro.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org