Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes amosa a preocupación do grupo municipal polos escasos investimentos e actuacións estratéxicas do Goberno en materia de infraestruturas

08/01/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, criticou a situación na que se atopan as infraestruturas na cidade e, sobre todo, aqueles proxectos de futuro necesarios para o seu desenvolvemento, e a este respecto amosou a "preocupación" do seu grupo municipal. Para Reyes, o Partido Popular está tratando a Santiago como "unha cidade de segunda", ao que hai que engadir o problema que, segundo denunciou o concelleiro, ten Compostela Aberta coas relacións institucionais co resto de administracións, nomeadamente coa Xunta e o Goberno central.

Segundo afirmou o voceiro, o Grupo Municipal Socialista maniféstase "exactamente igual" que o fixeron os sectores económicos da cidade. A este respecto, criticou que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, dixera que o orbital é "moi importante", pero "deixa o orzamento no 40% do que tiña que ser". "Baixar de 45 a 27 millóns é unha razón clara de preocupación", asegurou Reyes, que tamén se referiu ao feito de que non estea enriba da mesa a posibilidade de unir Conxo de Arriba con Conxo de Abaixo ou que non se dea unha solución á rotonda.
"E iso, por non falar da chapuza do que tiña que ser a estación intermodal de referencia do AVE en Galicia e quedou nun intercambiador", destacou o concelleiro socialista, que lembrou que non só é unha opinión do seu grupo, senón que mesmo un técnico municipal emprega esa palabra nun informe.
Pero para os socialistas a preocupación vai máis aló da crítica ao PP, xa que tamén subliñan o "serio problema" que existe nas relacións institucionais do grupo de goberno de Compostela Aberta coas administracións, e dun xeito moi especial tanto coa Xunta de Galicia como co Goberno de España. Como dixo o voceiro do PSdeG-PSOE, esas relacións son importantes de cara a acadar investimentos necesarios nas infraestruturas que Santiago necesita. Así, este problema está convertindo a Santiago nunha "cidade de segunda".
Reyes lamentou que co gallo da visita de Rajoy a Compostela o alcalde non convocara aos voceiros dos grupos municipais para coñecer os proxectos e actuacións nesta materia na cidade, ao tempo que lembrou que, como xa fixera o PP durante o seu mandato, Noriega segue sen convocar o Consello Económico e Social, un organismo necesario para tratar todos estes temas estratéxicos.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org