Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes destaca que as achegas do PSdeG aos orzamentos municipais superan os 11,7 millóns de euros, dos que arredor de 4,2 corresponden a investimentos

18/01/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, quixo destacar esta mañá as 36 propostas que o equipo de goberno aceptou incorporar aos orzamentos municipais de 2018, e que serviron para obter a abstención desta formación política. En termos cuantitativos, estas achegas supoñen un total de 11.739.814 euros, dos que 4.163.813 correspóndense con investimentos para "mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Santiago".
Reyes lembrou que das mocións e proposicións incorporadas por Compostela Aberta nos orzamentos municipais de 2018, o 70% foron presentadas polo Partido Socialista. Entre estas, o concelleiro citou o plan de accesibilidade (500.000 euros), mellora dos espazos públicos e rehabilitación de vivendas en Vite, a mellora e conservación da senda fluvial de Brañas de Sar, a construcción do novo vaso para a piscina do centro deportivo de Santa Isabel, ou a recuperación da parcela de Cornes,
En canto ao resto das propostas aceptadas ata chegar ás 36, Reyes destacou a ampliación do servizo de axuda a domicilio e a eliminación das listas de espera; o programa municipal de saúde bucodental; a posta en marcha de obradoiros de emprego para a recuperación de espazos públicos; os avais para microcréditos a novas empresas; o Plan Vite de reurbanización, os elevadores en Triacastela e Almáciga; o acondicionamento da lagoa de Cornes; a recuperación do Campus Sur; a reubanización do Restollal e da Pontepedriña; a declaración da ARI da Almáciga; a instalación de firbra óptica na cidade histórica; ou o investimento no rural do equivalente ao incremento do IBI (así como que este gasto fora decidido por Ferusa).
Como manifestou o concelleiro, o PSdeG sempre actuou da mesma forma, a de "mirar pola cidade" e ser "propositivo". "Sabemos que a cidadanía mandounos á oposición, pero nós non imos renunciar a desenvolver o noso programa, que é a plasmación en papel dun proxecto de cidade que no Partido Socialista si temos".
Así mesmo, malia recoñecer que os orzamentos "non son os nosos, teñen deficiencias e son moi mellorables" (de aí a abstención socialista), o edil afirmou que Santiago necesitaba contar cun documento económico en 2018, que sempre "é mellor que prorrogar o do ano anterior".
"E ao que non deixa de dicir que somos irrelevantes, ínstoo a que poña enriba da mesa se ten máis de once millóns en proxectos para mellorar a calidade de vida da veciñanza", asegurou Reyes, en clara alusión ao voceiro do PP, Agustín Hernández.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org