Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes reclama o desenvolvemento dos plans para o acondicionamento e creación do parque arqueolóxico na Rocha

22/01/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, reclamou o cumprimento da proposición do seu grupo municipal, aprobada en pleno de decembro de 2016, para elaborar un plan director da zona arqueolóxica e para xerar un parque arqueolóxico cun roteiro que incluíse os centros de interpretación. Nomeadamente, o edil criticou que o actual grupo de goberno non avanzou nada neste tema, e tampouco no plan especial de acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha, aprobado en febreiro de 2015.
Para Reyes, a importancia que ten o desenvolvemento destes plans non só repercutiría no que atinxe á conservación do patrimonio, senón que ademais axudaría á diversificación do turismo e ao incremento da estadía media -unha das patoloxías do sector no noso municipio-.
"O certo é que pasado máis dun ano da aprobación da nosa aprobación plenaria, non sabemos nada deste plan", dixo o concelleiro socialista, que se referiu dun xeito concreto á zona da Rocha, cun castelo do ano 1253 que foi arrasado en 1467 nas revoltas Irmandiñas.
O edil lembrou, a este respecto, que dende 2015 está aprobado o Plan especial de acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha, no que se establecían obrigas tales como a musealización, o acondicionamento de espazos para aparcamento (unhas 30 prazas), ou a sinalización (hai que ter en conta, ademais, que o castelo se atopa a carón do Camiño Portugués). Ademais, esixía a redacción dun plan director. Todo isto, como subliñou Reyes, ascendía á cantidade de preto dun millón de euros, "pero a realidade é que non se sabe nada desta actuación".
O voceiro socialista denunciou que non só non se ten redactado documento ningún nin reservado as partidas necesarias, senón que ademais se están deixando pasar oportunidades de financiamento europeo.
Así as cousas, o grupo municipal socialista preguntará ao goberno local que teñen feito ao respecto ata o momento -Reyes asegurou que a resposta será que nada- e instará a CA a realizar un calendario de actuacións para que se leve adiante o parque arqueolóxico.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org