Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista anuncia a presentación dunha batería de preguntas sobre a situación do desemprego en Santiago tras coñecer os datos da EPA e afiliacións á Seguridade Social

29/01/2018

Unha vez coñecidos os datos da EPA -o pasado venres- e os de afiliación á Seguridade Social -hoxe mesmo-, o voceiro socialista, Paco Reyes, anunciou en rolda de prensa que o seu grupo vai presentar unha batería de preguntas ao goberno de Compostela Aberta interesándose polo número de parados de longa duración, de longuísima duración, pola taxa de temporalidade e de traballo parcial forzoso, así como pola porcentaxe de persoas que residen en Santiago que están en situación de pobreza relativa (mesmo tendo un posto de traballo). Esta iniciativa xurde ao coñecer, como dixo Reyes, que a maior parte da baixada do paro correspóndese cunha diminución da poboación activa e da que se atopa en idade de traballar.
Estes datos da EPA, segundo explicou Paco Reyes, están avalados polos coñecidos na xornada de hoxe da Seguridade Social, que constatan que o mes de decembro, con respecto a decembro do pasado ano, houbo unha diminución de afiliacións á Seguridade Social, dun xeito específico nas franxas de idade de menos de vinte a 39 anos.
Así, o voceiro socialista informou de que a baixada foi do 9% en persoas de menos de 20 anos; do 2,5% entre 25 e 29; do 1,5% de 30 a 34; e do 3% en persoas de 35 a 39 anos. Como destacou Reyes, estes datos avalan as conclusión da EPA dada a coñecer a finais da semana pasada, que pasan por recoñecer que a maior parte da reducción do paro débese a que a xente, sobre todo a de menos idade, marcha de Compostela a buscar un posto de traballo.
A este respecto, o concelleiro socialista subliñou que a Enquisa de Poboación Activa conclúe que en Santiago baixa a poboación en idade traballar nunhas 1.600 persoas (a que máis baixa das sete grandes cidades galegas), así como os activos (é dicir, a xente disposta a traballar). A este respecto, a dimínución é de 2.100 persoas, o que supón un 4% menos (a única que baixa, agás Vigo, que o fai, pero nun 0,5%).
Mesmo os datos positivos, como puntualizou Reyes, non son tanto, posto que, por exemplo, a suba do 1,3% da poboación ocupada contrasta con incrementos das outras cidades, como Lugo, cunha suba do 9%, ou Ferrol, que chega ao 18%.
O edil tamén fixo fincapé en que Santiago é a segunda cidade de Galicia na que máis medra a poboación inactiva, que "é o noso grande problema".
Por todo isto é polo que o grupo municipal socialista presentará unha batería de preguntas ao goberno de Compostela Aberta relativas a datos concretos da cidade. Os socialistas non só queren saber o número de persoas en desemprego de longo e moi longa duración, senón tamén saber a xente que está en situación de probreza relativa, xa que "atopar un traballo hoxe en día non garante saír da mesma". De feito, o 16% das persoas que teñen un posto de traballo en España atópanse en pobreza relativa.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org