Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presentará unha proposición reclamando actuacións de urxencia no barrio de Vite de Arriba

31/01/2018

O grupo municipal socialista presentará unha proposición ao pleno do vindeiro mes de febreiro reclamando unha serie de actuacións que consideran urxentes no barrio de Vite de Arriba. O seu voceiro, Paco Reyes, que acudiu a esta zona acompañado polo concelleiro Gonzalo Muíños, para manter un novo encontro con representantes da Asociación de Veciños Monte de Deus, compareceu en rolda de prensa xunto cos responsables veciñais para anunciar esta iniciativa e denunciar o estado do barrio.
Paco Reyes afirmou, en primeiro lugar, que os que tiñan que estar esta mañá en Vite de Arribe eran os integrantes do goberno local, que non son quen de solucionar os problemas que levan moito tempo reclamando os veciños, que son urxentes e que non suporían un desembolso económico importante.
Problemas de mantemento, como o desborce, a limpeza de cunetas ou o arranxo dunhas fochancas que, como coincidiron representantes veciñais e políticos, poñen en perigo a integridade das persoas -xa houbo varios accidentes- e dos vehículos.
Tamén fixeron fincapé na importancia de mellorar e coidar a zona do miradoiro de Monte de Deus -lugar no que realizaron o encontro cos medios-, xa que ten unhas posibilidades importantes e non está sendo potenciada polo goberno municipal. Así, dende a asociación apostaron pola instalación non só dun parque biosaúdable e dun parque infantil, senón pola recuperación dun espazo natural magnífico e dende o que se poden contemplar unhas vistas únicas da cidade.
Así mesmo, Reyes dixo que ademais de solicitar estas actuacións -que tamén inclúen a mellora do transporte público, que na actualidade non cumpre coa demanda veciñal-, o grupo socialista reclamará que se estableza un calendario para a súa execución. Calendario que, como ironizou o concelleiro, corresponde na maior parte polo tipo de intervencións ao concelleiro Jorge Duarte, "que sempre cumpre porque di o mes pero nunca o ano". "Agardamos que esta vez a moción, que pensamos que ten que ser aprobada por unanimidade, sexa respostada con partidas económicas e cun calendario que inclúa tamén o ano, e que sexa 2018", afirmou Reyes.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org