Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista presenta unha moción solicitando a retirada do proxecto da Lei de Saúde e anima a participar na manifestación deste domingo

01/02/2018

O grupo municipal socialista presentará ao pleno do presente mes de febreiro unha moción instando á Xunta de Galicia a retirar o proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde do ano 2008. Nesta liña, o seu voceiro, Paco Reyes, fixo un chamamento esta mañá á cidadanía a participar na manifestación organizada pola Plataforma SOS Sanidade Pública este domingo, día 4, ás 12, dende a Alameda, precisamente para reclamar a retirada deste proxecto e en defensa dun sistema sanitario público, universal e gratuito.
Por outra banda, Reyes amosou a preocupación dos socialistas polo que acontece de novo co servizo de ORA e guindastre, xa que onte rematou o último encargo a Setex e, segundo as informacións deste grupo, a día de hoxe non existe cobertura legal para a prestación do servizo.
O voceiro socialista, Paco Reyes, anunciou esta mañá en rolda de prensa a presentación dunha moción na que se insta á Xunta a retirar o proxecto de reforma da Lei Galega de Saúde, a restituír as xerencias de atención primaria, dotando de medios e recursos necesarios para reforzar a súa capacidade de resolución, e a desenvolver, co consenso de todas as forzas políticas, sindicais e socias, a Lei Galega de Saúde de 2008.
Con esta idea de fondo, baseada na defensa dun sistema de saúde público, universal e gratuito, o edil sumou o apoio do seu grupo á convocatoria da Plataforma SOS Sanidade Pública -da que o PSdeG forma parte- da manifestación que sairá o domingo 4 de febreiro ás 12 da mañá da Alameda local.
Como explicou Reyes, o proxecto que pretende aprobar o PP limita a participación social, facendo inviables controis previos á aprobación ou posterior á execución do Plan de Saúde, concertos, ou orzamentos, entre outros. Ademais, reduce as áreas sanitarias e consolida a exclusión da Atención Primaria -o concelleiro denunciou, a este respecto, que xa se ten reducido o gasto sanitario en Atención Primaria ata o 10% actual, mentres que o recomendado está nun 25%-. Para Reyes, a nova organización das áreas afectará negativamente aos hospitais de referencia comarcias, cunha diminución de servizos, de facultativos, e coa implantación dun novo copago: o do transporte aos hoaspitais de referencia provincial.
Noutra orde de cousas, o voceiro socialista amosou a preocupación do seu grupo polo que, unha vez máis, está a acontecer co servizo de ORA e guindastre. Así, explicou que xa rematou -onde, día 31 de xaneiro- o último encargo do goberno local a Setex e a día de hoxe, segundo os datos que teñen os socialistas, non se ten aprobado outro novo encargo -o que sería o noveno, como destacou tamén Reyes, que alertou deste feito cando a empresa non podía desenvolver o servizo segundo sentenza xudicial-, polo que "non existe cobertura legal para a aprobación do servizo de ORA e guindastre".
E que significa iso? Que se non é así, non podería cobrarse a ORA dende hoxe nin ser efectivo o servizo de guindastre.
A esta situación, á que os socialistas reclaman unha resposta do grupo de goberno municipal, Paco Reyes engadiu unha nova, a da situación na que se atopan os traballadores da empresa. Sobre este punto, o edil referiuse a unha sentenza do Tribunal Supremo -do 27/04/2016-, sobre un caso similar, e que constata que estes postos de traballo están en risco e tamén que os subroguen.
Para o voceiro, neste tema Compostela Aberta está actuando con "pouca responsabilidade".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org