Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista cuestiona que se leve a pleno o convenio entre administracións para a EDAR sen proposta de CA e cualifica o documento como impresentable

12/02/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, compareceu esta mañá para valorar a proposta de convenio entre as tres administracións pata a execución das obras da EDAR en O Souto, que Compostela Aberta decidiu levar ao pleno ordinario deste xoves. Ademais de amosar a súa sorpresa absoluta por este feito, xa que, como dixo, "é a primeira vez que asisto a unha situación como esta", na que o goberno local leve algo que non propón e, para rematar, non plantexan unha alternativa. Os socialistas anunciaron que votarán unha proposta que veña dos responsables municipais, que é o que lles corresponde, ao tempo que cualificaron a Compostela Aberta de actuar con "cobardía política" se esta decisión resposta a unha estratexia de repartir os custes do traballo mal feito.
Para Reyes, "sorprende moito" a maneira de levar ao pleno deste xoves un convenio que o propio grupo de goberno non propón e que unicamente é para que se posicionen os grupos da oposición. "Para que temos un goberno e un alcalde?", preguntouse o voceiro socialista, que destacou que existen mecanismos suficientes, como é a comisión informativa ou mesmo a xunta de voceiros, para coñecer a opinión do resto de formacións políticas con respecto dun tema.
Pero é que, ademais, a este despropósito engádese que este convenio vai cun reparo suspensivo da Intervención, "e disto CA tampouco di nada, o que é incrible".
A maiores do feito de levar este convenio e deste xeito ao pleno ordinario do xoves 15, o grupo socialista cuestiona profundamente o propio documento. Para Reyes, o convenio é "impresentable e totalmente inaceptable", ademais de consideralo contrario aos intereses de Santiago.
A este respecto, Paco Reyes preguntouse ónde estivo o alcalde e CA durante estes dous anos e medio, facendo fincapé no nulo nivel de negociación do goberno local coa Xunta e co Goberno central e afirmando que se trata dun convenio moito peor que o de 2013 asinado de Ángel Currás e o de 2014 por Agustín Hernández. "Estas son as boas relacións institucionais? porque se este é o resultado, é para botar a correr", asegurou o concelleiro.
Sobre o seu contido, Reyes afirmou que se trata dun convenio "absolutamente leonino", e no que o único que se quere asegurar a administración central é asegurarse do cobro. Así, establece como obriga da administración central (Acuaes) facerse cargo do 60%, sempre e cando estea cuberto polos fondos comunitarios, e todo o que non estea, corresponderá nun 50% a Xunta e o Goberno local (a mesma porcentaxe e mesmo engade que de non dispor desde 50%, será retraído dos fondos estatais á cidade). O mesmo acontece con calquera desviación que se poidera producir, quedando a responsabilidade repartida por Xunta e Concello nun 50%.
Nin nos prazos existen obrigas, apuntou o edil do PSdeG-PSOE, xa que os 12 meses do proxecto e dos 48 de execución -36 para a propia obra e 12 para a posta en funcionamento da EDAR- son "estimativos e sen comprimiso ningún por parte da sociedade estatal".
Pola contra, o Concello terá que facerse cargo das expropiacións para a posta a disposición do terreos necesarios e do 20% do custe da obra, "exactamente o mesmo da Xunta".
Así mesmo, Reyes lembrou a situación complexa que existe con respecto á ubicación da EDAR. Con respecto a este tema, o concelleiro subliñou que existe unha demanda da Plataforma do Sar -coa que o propio Reyes e a concelleira Mila Castro mantiveron un encontro esta mesma mañá- admitida a trámite polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, con respecto ao irreversible impacto ambiental que tería a EDAR no Souto, e apuntou, a maiores, o informe da Consellería do Medio que conclúe que a mellor opción para a estación depuradora é A Silvouta.
"Cal é a postura do goberno local sobre este tema?", dixo Paco Reyes, que sinalou que o seu grupo descoñece ata cómo está a situación dos fondos comunitarios ou o propio proxecto.
Finalmente, o voceiro socialista asegurou que se o obxectivo de Compostela Aberta ao levar este convenio ao pleno é o de solidarizar os custes "do traballo mal feito" e, polo tanto, repartir as posibles responsabilidades dunha ou outra decisión, estariamos ante un caso de "cobardía política". Así as cousas, os socialistas piden a CA que leve unha proposta propia que se poida votar.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org