Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Fernández Leiceaga advirte de que está pendente de execución a multa da UE a Santiago pola ausencia de EDAR

15/02/2018

Os voceiros socialistas no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, e no Concello, Paco Reyes, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo co obxectivo de abordar diversos asuntos de interese para Santiago. A continuación, os dous responsables socialistas compareceron en rolda de prensas para falar dun destes temas, a EDAR. Leiceaga, que lembrou que o seu partido sempre advertiu dos diferentes riscos que existían polo cambio de ubicación e a conseguinte perda de fondos, deu conta dunha serie de iniciativas parlamentarias, fundamentalmente de control, presentadas no Parlamento, a anunciou medidas de impulso se a situación segue sen mellorar. Entre outras, citou a resposta da Xunta a unha destas preguntas, na que recoñece que está pendente a multa da UE a varias localidades -17- españolas por non contar con depuradora; entre elas, a de Santiago, o que suporá -estimando o custe total da sanción e o reparto por poboación afectada- un custe duns catro millóns de euros.
Como asegurou o portavoz parlamentario, a estación depuradora constitúe unha preocupación dos socialistas dende hai xa anos. "Para nós, é unha preocupación máxima porque se trata dun tema de grande impacto, que vai dende Santiago ata a ría de Arousa, e porque o que está ocurrindo xa o vimos vir", manifestou Fernández Leiceaga, que lembrou que cando Conde Roa decidiu mudar a ubicación de O Souto á Silvouta, o grupo do PSdeG-PSOE advertiu de que ía supoñer un incremento notable dos custes e que, ademais, poría en risco a chegada dos fondos europeos.
Así mesmo, indicou que O Souto ten problemas engadidos porque precisa de conduccións custosas e con expropiacións, conleva uns custes de producción incertos e supón unha importante agresión ambiental.
Precisamente o valor ambiental da contorna é unha das cuestións máis destacadas por Leiceaga, que criticou ao portavoz do PP, Agustín Hernández, polas imaxes de onte botando lixo ao río Sar, ademais da puramente económica. A este respecto, alertou dos prazos marcados pola Unión Europea, que fixan en 2022 o máximo para ter ramatada a obra -construida e pagada-, polo que, como tamén dixo Paco Reyes, a "espada de Damocles" cada vez está "máis preto das nosas cabezas".
Os portavoces socialistas no Parlamento de Galicia e no Concello coincidiron á hora de responsabilizar da situación de emerxencia na que se atopa a construcción da EDAR ao Partido Popular e a Compostela Aberta, que "son os que operan no territorio e os que teñen que tomar as decisións". "Gobernar é elixir e tomar decisións", afirmou Leiceaga, que apelou á madurez de quen ostenta a responsabilidade.
De feito, criticou Leiceaga a falta de resposta da Xunta ás reiteradas peticións de información sobre a EDAr formuladas nestes anos; solicitudes que seguirán formulando e que se convertirán en iniciativas de impulso se non hai avances, para que o goberno autonómico "tome cartas no asunto e impida a perda de fondos europeos". Si recoñece a Xunta que hai pendente unha multa da Unión Europea a Santiago pola ausencia da EDAR, que pode ascender a máis de catro millóns de euros. "Non sabemos o impacto que vai ter, pero dende logo, estamos ante unha cifra de relevancia", dixo.
Pola súa banda, Paco Reyes referiuse a un informe solicitado en 2015 á Dirección Xeral de Augas -do Ministerio-, no que Acuaes, co informe de impacto ambiental do Souto xa aprobado, vén recoñecer que a tecnoloxía elixida para esta estación depuradora non é a mellor solución.
Precisamente esta cuestión, a tecnolóxica, está pechada no convenio que CA leva ao pleno desta tarde, fronte a temas importantísimos, como son o investimento e os prazos, que quedan no aire.
Preguntado sobre a posición do grupo socialista para este punto da sesión plenaria, Reyes dixo que "vou preguntar a CA cal é a súa proposta e cal é a súa posición, porque ten que ser o goberno o que presente un dictame e unha proposta concreta, que a día de hoxe non coñecemos". Tamén se manifestou sobre este tema Fernández Leiceaga, que lembrou que se trata dun convenio a tres bandas, coa participación do Concello. "E o Concello non aparece como algo abstracto, senón que o goberno local formou parte dunha negociación e polo tanto, ten que dicir algo, asumindo ou non esa negociación", apuntou.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org