Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes lamenta as "performances" destas semanas e esixe que se aborden de verdade os problemas serios que ten Santiago

19/02/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, compareceu esta mañá en rolda de prensa para facer unha "reflexión" do que está a acontecer nestes 10-15 días tanto por parte do goberno como de grupos da oposición, que veñen a ocupar titulares en medios de ámbito estatal -como xa acontecera hai catro anos- por razóns alleas ao feito de que Santiago sexa a capital de Galicia, cidade Patrimonio Mundial, meta do Camiño ou referente dunha Universidade con cinco séculos de historia. Primeiro, pola existencia dun pregón pouco elegante que deue lugar a unha forte resposta de rexeitamento, e despois, porque "alguén quixo facer unha denuncia sobre a situación do río Sar e se lle foi das mans, en todos os sentidos".
"Santiago ten problemas serios, estamos en fase de perfomances e non abordamos estes problemas", manifestou Paco Reyes, que engadiu a estas postas en escea o pleno do pasado xoves e, nomeadamente, por como se tratou un tema tan relevante como é o da EDAR. A este respecto, o concelleiro socialista criticou que Compostela Aberta decidise levar a pleno un asunto cun reparo suspensivo que non tiña pensado levantar porque non levaba ningún informe en sentido contrario e, aínda sabendo que non se podería votar, o mantivera. "Estivemos máis de 45 minutos debatindo sobre unha cuestión que non se podía votar", afirmou o edil, que engadiu que con este tipo de comportamentos unicamente estamos a botar fume sobre a cidade e sobre proxectos que se perderon, como o da intermodal -mudada por un simple intercambiador- ou o da EDAR -a piques de perdela e os fondos europeos-.
O voceiro socialista tamén falou de cuestións que non se están abordar, ou que se están a facer nesa mesma liña de postas en escea. Para Reyes, levamos dous anos e medio agardando pola presentación dunha auditoría que determine a situación de todas as subcontratas, ao tempo que se amosou "sorprendido" pola postura que está adoptando o BNG no caso concreto da ORA.
Sobre isto, o voceiro do grupo municipal socialista lembrou que o Bloque non defendeu a gratuidade da ORA en todo o proceso, absténdose na votación da memoria e votando a favor, con esa mesma memoria, da municipalización no pleno no que se levou, mentres que agora está a recoller sinaturas para pedir esa gratuidade que, por outra lado, se vai incluir nun estudo que anunciou o propio goberno porque así está estipulado na Lei de Bases -artigo 85- e si foi reclamado por un PSdeG-PSOE que dende o primeiro minuto solicitou ese informe e votou en contra por esta razón -entre outras- tanto á memoria como no pleno -mesmo con voto particular por escrito-.
Para Reyes, todas estas "performances" están "desenfocando" dos problemas serios que ten a cidade, xa que se está poñendo máis atención a iso que ao proxecto da capital de Galicia.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org