Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Reyes asegura que o pleno do estado do municipio evidenciou a falta de autocrítica e de proxecto de cidade por parte de Compostela Aberta

22/02/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, asegurou esta mañá que o debate sobre o estado do municipio, celebrado na tarde de onte, evidenciou unha total falta de autocrítica e de proxecto de cidade por parte de Compostela Aberta. De feito, en rolda de prensa afirmou que "o único grupo que fixo nesa sesión plenaria unha auténtica proposta de proxecto de cidade e sobre como superar os problemas da mesma, foi sen dúbida o socialista". "É un traballo de equipo, dun equipo que vén traballando sobre o que temos que poñer enriba da mesa, cales son os problemas de Santiago e as súas solucións", dixo o concelleiro, en referencia ao seu grupo.
Comezou Paco Reyes defendendo a celebración deste pleno, un pleno "útil en sí mesmo" posto que constitúe unha "boa oportunidade para fiscalizar a acción de goberno, para escoitar o seu proxecto de futuro e as propostas para a cidade de todos os grupos". Por iso, engadiu, o grupo socialista o vén reclamando dende hai sete anos.
Dito isto, o voceiro do PSdeG-PSOE amosou a súa fonda preocupación porque "quen goberna non ten un proxecto de cidade". Para Reyes, resulta sintomático que o alcalde, Martiño Noriega, sen tempo marcado para intervir, adicase na súa primeira quenda catro veces máis tempo a falar do pasado, e da "herdanza recibida", xustificando todo o que non teñen feito nestes máis de dous anos e medio, que a abordar o presente e, sobre todo, o futuro.
Ademais de botar en falta a autocrítica, Reyes amosouse "sorprendido" porque en todo o discurso de Noriega non houbo referencia ningunha ao Xacobeo 2021, al Real Padroado ou ao Consorcio -instrumento esencial para o casco histórico, presidido polo propio rexedor e coa presenza das outras administracións, de forma especial a Xunta-, así como, no caso do Turismo, nin unha palabra a Incolsa. "Todos consideramos que hai que darlle unha volta a Incolsa, pero o alcalde nin a citou", apuntou Reyes.
Tamén criticou o voceiro socialista as escasas alusións a propostas de futuro e as relativas a infraestruturas. Sobre esta cuestión, o edil dixo que Noriega botou toda a culpa ás outras administracións, extremo que cuestionou poñendo como exemplos aos alcaldes socialistas que, con gobernos doutras cores, acadaron importantístimos investimentos para Compostela. "O problema non é de manía persecutoria, senón que existe unha clara falta de liderado por parte do actual alcalde", afirmou Reyes.
Con respecto á segunda intervención do rexedor, Reyes criticou que se limitase a dar consellos ao PP para recuperar Santiago, "cando creo que a cidade ten outros problemas que ese", indicou.
Finalmente, o voceiro socialista valorou a intervención da voceira de Compostela Aberta, Marta Lois. Desta quenda, o concelleiro manifestou a súa sorpresa porque "todo o tempo foi facer oposición á oposición, nada de proxectos nin de futuro; unicamente puxo nota aos grupos da oposición cunha exposición moi simple: se nos apoiades sodes bos e, se non, non o sodes", sinalou.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org