Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes afirma que o Plan Estratéxico de Turismo de Compostela Aberta presenta máis preguntas que respostas

26/02/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, valorou esta mañá o Plan Estratéxico de Turismo elaborado por Compostela Aberta, do que criticou a orixe dos investimentos que se pretenden executar no seu período de vigor -dende agora ata 2022-, 8.730.000 euros, a escasa concreción sobre moitas das accións previstas, así como a ausencia dun Plan Museístico, o "esquecemento" da creación do Parque Arqueolóxico e do roteiro, dando resposta así a unha moción socialista. "O plan presenta máis preguntas que respostas", dixo Reyes. Para o edil, non hai razóns para ser especialmente optimista con respecto a este sector, xa que os datos anuais e dos últimos meses confirman que o número de viaxeiros e pernoctas aumentan, pero nuns índices inferiores aos da media do estado.
O concelleiro socialista referiuse, en primeiro lugar, aos datos do aeroporto, puntualizando que aínda que tivo un incremento en 2017 do 5,3% con respecto a 2016, foi menor que o de Alvedro, dun 7,3%, ou Peinador, cun 12%, así como inferior ao da media do Estado, situado en case un 9%. O diferencial é peor no que se refire ás operacións, cun 1,1% en Lavacolla con respecto ao 2,8% de Alvedro, o 8% de Peinador e o 6,3% da media do Estado. E se tomamos como referencia o de Oporto, vemos que Sá Carneiro superou en 2017 os dez millóns de pasaxeiros, que constatan un diferencial cada vez maior.
En canto aos datos de visitantes na cidade relativos a decembro e xaneiro, Reyes subliñou que a ocupación foi do 30% e do 31% nas fins de semana, "as cifras máis baixas das cidades histórico monumentais coas que competimos", afirmou Reyes, que puxo de manifesto que por primeira vez nos últimos anos, o número de estranxeiros baixou nun 11%. Sobre a rentabilidade, o voceiro tamén fixo fincapé en que está por debaixo da media estatal, xa que mentres que en Santiago é de 39 euros, no resto de España é de 56.
"Unha cousa é que veña moita xente e que suban as pernoctas e outra é que se obteña rentabilidade", dixo Reyes.
Ante estes datos, o voceiro socialista puxo en tela de xuízo o plan estratéxico para o sector presentado hai só uns días por Compostela Aberta. Para os socialistas, este plan presenta "máis preguntas que respostas" e un exemplo claro é que unicamente a quinta parte (un 20%) está adicada a propostas, ás que, ademais, segundo Reyes están carentes de concreción práctica e mesmo orzamentaria.
Unha das principais carencias deste plan, para o socialista, é que non aparece ningunha proposta do que facer con Incolsa, o gran instrumento de turismo en Santiago. "Descoñecemos qué tipo de empresa quere o grupo de goberno", afirmou o edil, que tamén preguntou a CA se pretende levar a cabo algunha privatización neste sector, posto que no apartado da gobernanza multinivel fálase do público-privado.
O concelleiro fixo unha análise do plan, do que dixo que "para chegar a este resultado non eran necesarios dous anos e medio de traballo". A ausencia dun plan museístico para a posta en valor dos museos da cidade e desenvolver un roteiro específico, ou do Parque Arqueolóxico co seu correspondente roteiro -atendendo, así, a unha moción socialista aprobada polo pleno da corporación- son algunhas das críticas realizadas polo voceiro do PSdeG-PSOE, que criticou aspectos do documento, como que o plan fale dunha cidade "women friendly" pero non dun Santiago inclusivo e accesible; que o Compostela Romántico vai dirixido dun xeito específico ás parellas católicas do sureste asiático; que nas ofertas do "slow travel" se cite ao Mercado de Abastos e se teña perdido a oportunidade turística coa Nave 5; ou que o Urban SCQ se limite á captación do turismo do norte de España e se exclúa o estranxeiro.
Con respecto á taxa para excursionistas, que se inclúe neste Plan Estratéxico, Paco Reyes cuestionou que se reduza á dársena de Xoán XXIII, poñendo enriba da mesa cuestións como que pasará cos buses que estacionan noutros puntos da cidade ou se, por exemplo, vaise cobrar unha taxa aos maiores do Imserso e non o fará aos que chegan a Compostela nun Rolls Royce. Ademais, asegurou que na actualidade a Lei de Facendas Locais non recollen feito ningún que dea soporte a unha taxa deste tipo. Reyes, finalmente, preguntou polo custe de xestión dunha taxa que pretende ser regresiva. "A ver se non vai custar máis a xestión que o que se recade", dixo.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org