Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista amosa a súa preocupación polo estado de deterioro que empeza a ter o casco histórico e urxe un plan de xestión e outro de rehabilitación

01/03/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, subliñou esta mañá en rolda de prensa que o seu grupo non foi, nin é, partidario de desenvolver un novo Plan Especial, posto que xa existe un, como dixo, que planifica "clarisimamente" o casco histórico e tanto é así que foi distinguido pola Unesco. "O que si que nos dixo é que había que facer un plan de xestión", destacou o edil, que apuntou que aínda está sen realizar, posto que o que fixo o Partido Popular foi empezar un Plan Especial.
Reyes criticou con dureza o plan de Compostela Aberta e, para iso, refriuse ao informe realizado polos técnivos municipais. Ao seu xuízo, "nunca vin un informe tan duro con respecto a un estudo encargado a unha empresa externa", e así citou frases como as que din que falta unha rigorosa revisión, que é desordenado, repetitivo ou cunha falta de análise.
Paco Reyes amosou -cunha serie de fotografías realizadas en diferentes puntos- a súa preocupación pola situación na que se atopa na actualidade o casco histórico, asegurando que "comeza a visualizarse un deterioro" e, polo tanto, comeza a ser urxente desenvolver os plans e as actuacións necesarios; iniciativas que, para os socialistas non pasan por un novo Plan Especial, senón pola redacción dun plan de xestión do casco histórico e por un plan de rehabilitación, con cargo a fondos europeos e da Xunta, que pasen tamén pola potenciación da oficina de rehabilitación.
O concelleiro tamén cuestionou os prazos ofrecidos polo concelleiro de Espazos Cidadás, Jorge Duarte, e mesmo polas datas relativas ao informe e o plan dado a coñecer agora, xa que mentres que o informe está datado o 5 de febreiro, non foi dado a coñecer ata o 23.

EMPRESA DE MULTAS
Por outra banda, o voceiro do grupo municipal socialista preguntou ao goberno local de Compostela Aberta pola memoria e a auditoría a elaborar para avaliar ás concesionarias e contratas dos servizos municipais con vistas á abordar posibles municipalizacións.
Reyes realizou estas declaracións despois de coñecer a intención de CA de contratar a unha empresa o cobro das multas.
"Onde queda esa planificación que incluía Compostela Aberta no seu programa electoral?", preguntouse Reyes, ademais de querer saber por que non se creou unha comisión para levar a cabo dita memoria e estudar as posibilidades de asumir o servizo de multas. Para o socialista, esta é unha incoherencia máis do grupo de goberno con respecto á recuperación de servizos, que deixa os máis factibles en mans de contratas e quere asumir os que máis atrancos legais teñen.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org