Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

O grupo socialista pedirá á UMAD un informe para coñecer os datos e plan de actuación sobre drogodependencias na cidade

07/03/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, anunciou esta mañá en rolda de prensa que, despois das declaracións do alcalde afirmando que existe un incremento no consumo de heroína e vencellando o tema do elevado número de xiringas en varias zonas da cidade e ao incremento de infraccións penais, o seu grupo pedirá á UMAD -unidade municipal de atención a drogodependencias- un informe sobre dito incremento, con datos cuantificados e sobre as previsións que teñen na atención. Reyes tamén referiuse ao convenio da EDAR, que en principio continúa sen proposta concreta a pleno por parte do grupo de goberno.
Para o concelleiro socialista, se finalmente o punto vai a pleno ordinario do vindeiro xoves, día 15 -aínda non está dictaminado pola comisión de Facenda, posto que hoxe quedou enriba da mesa ao non resolverse se está levantado ou non o reparo suspensivo da Intervención-, acontecerá o mesmo que na anterior sesión; isto é, que irá sen unha proposta específica por parte do goberno municipal.
Ante isto, Reyes manifestou que "se a xustificación é que teñen maioría simple, pois entón que asuma o pleno a xestión municipal e que vaian todos os temas sen proposta do goberno". "Se fan abandono de funcións, que asuma o pleno a xestión", dixo o concelleiro.
Outro dos temas que abordou Reyes na rolda de prensa desta mañá foi o anuncio por parte do grupo socialista de solicitar á UMAD un informe sobre o incremento no consumo de heroína manifestado recentemente polo alcalde, Martiño Noriega, así como para saber as previsións que teñen na atención e o plan sobre o que traballan para tratar "o importante neste caso: a demanda". Como destacou o edil, a oferta no caso das drogas e de difícil control -lembrou que as substancias de deseño mesmo se poden fabricar na casa-, mentres que a prevención, ou sexa, a demanda, é moito máis viable.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org