Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

NOTA DE PRENSA

O grupo municipal socialista leva a pleno unha proposición reclamando medidas de mellora importantes para o ámbito de San Lourenzo-Carme de Abaixo

13/03/2018

O grupo municipal socialista leva unha proposición ao pleno ordinario do vindeiro xoves na que reclama unha serie de actuacións e estudos urxentes no ámbito de San Lourenzo e Carme de Abaixo. Esta iniciativa xa fora anunciada polo voceiro socialista, Paco Reyes, na sesión de febreiro, posto que o que se debatira nesa ocasión era, ao seu xuízo, "pouco ambicioso" e non respostaba na súa totalidade ás demandas veciñais recollidas polos concelleiros do PSdG nun encontro.
Os socialistas solicitan a través desta moción instar ao goberno local a realizar un estudo de mobilidade; a Augas de Galicia ao mantemento e acondicionamento do cauce do río Sarela ao seu paso polo barrio; á administración central a proceder con urxencia ao desenvolvemento do interceptor xeral do Sarela para reducir o impacto dos verquidos do actual colector; instar ao goberno municipal a manter e mellorar a senda peonil do Sarela así como a substituír, mellorar e incrementar o mobiliario urbano da carballeira de San Lourenzo instalando unha área biosaudable nese ámbito; reclamar aos responsables locais que leven a cabo a apertura dos viais interiores de acceso previstos no PXOM e a ampliación dos actuais; pedir á veciñanza que manteña nun estado correto as súas propiedades e ao goberno compostelán a incrementar a frecuencia nos labores de mantemento das infraestrururas municipais.
Como subliñan dende o grupo municipal socialista, este ámbito mudou moito nos últimos anos cun importnate desenvolvemento urbanístico, converténdose "nunha zona das máis privilexiadas da nosa cidade". Estas medidas de mellora son necesarias e, segundo os socialistas, completan a iniciativa debatida e aprobada o mes pasado en sesión plenaria.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org