Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes acusa a Noriega de perder dous anos e medio co proxecto da EDAR e de actuar cunha falta absoluta de respecto ao pleno

19/03/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, valorou esta mañá a proposta de EDAR presentada o pasado venres polo goberno de Compostela Aberta. Para o concelleiro, que o alcalde non a levara ao pleno ordinario do xoves e si un convenio que rexeitou CA de forma unilateral malia ser o responsable porque é o froito da súa negociación, supón unha "falta de respecto absoluta" ás institucións. Reyes pregunta a Noriega por qué non presentou un recurso de casación en outubro de 2015, cando unha sentenza do TSXG anulaba unha parte do estudo de impacto ambiental da Silvouta; por qué durante dous anos estivo realizando manifestacións públicas dando por feito a ubicación da EDAR no Souto; qué lle fixo mudar de opinión; e qué estivo facendo durante un ano "para presentar a última hora esta proposta" -o estudo da USC está datado o 12 de marzo de 2017-. "Dende logo, negociar en Madrid, non", asegurou Reyes, que lamentou profundamente que se teñan perdido estes dous anos e medio, tanto no que se refire no eido ambiental como no relativo ás axudas europeas.
Para o edil do PSdeG, sobre a proposta presentada por Compostela Aberta o venres cun informe realizado pola USC hai que destacar tres aspectos. O primeiro, dixo, o da ubicación, solicitando que o goberno concrete se a alternativa é a de levar a cabo unha ampliación da actual EDAR, opción que, como destacou Reyes, si podería reducir os tempos a 24 ou 36 meses.
En segundo lugar, o voceiro socialista interésase pola tecnoloxía, un aspecto fundamental non só no que se refire á depuración das augas, senón tamén para a veciñanza, posto que é fundamental eliminar os cheiros. Segundo semella polo estudo, a depuración que se plantexa é como a actual, pero mellorada, cuns microorganismos máis eficientes, que depuran máis e decantan antes.
E, como terceiro aspecto, os socialistas queren saber como vai ser o financiamento desta actuación, de levarse a cabo. "O alcalde di que vai ser máis barato, pero pedimos ter unha información máis precisa, ademais de coñecer como se van repartir eses custes", apuntou o concelleiro.
"O que para nós foi evidente dende o primeiro momento é que o que coñeza minimamente O Souto sabe que aí non se debe montar unha depuradora", manifestou Reyes, que destacou que mesmo o informe de impacto ambiental feito polo PP segundo o seu interese, incluía un estudo da Consellería de Medio Ambiente que dicía que O Souto non era o mellor emprazamento. Tamén o informe económico non estaba claro, dixo.
"Queremos que o alcalde resposte a todas as preguntas que lle fixemos", reclamou o concelleiro socialista, que lembrou que outra pregunta que non atendeu no pleno foi se o Ministerio de Medio Ambiente, conforme ao artigo 127 da Lei de Augas, podía executar a EDAR no lugar que quixese de forma unilateral, ao ser unha obra declarada de interese xeral.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org