Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Fernández Leiceaga acusa de aplicar un imposto non declarado aos maiores de Santiago posto que os obriga a pagar as prazas de residencias máis caras

22/03/2018

Os voceiros socialistas no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, e no Concello, Paco Reyes, compareceron esta mañá en rolda de prensa no Pazo de Raxoi para presentar unha serie de iniciativas interesándose pola promesa da Xunta de Feijoo de construir sete residencias nas sete grandes cidades -polo tanto, unha dela en Santiago, nomeadamente en Fontiñas- e denunciando o "escaso compromiso" do PP nestes tipo de políticas. De feito, Fernández Leiceaga acusou ao presidente da Xunta de aplicar un "imposto non declarado cos maiores", posto que os obriga a pagar prazas moi caras pola súa "política de pasividade".
Pola súa banda, Paco Reyes amosou a preocupación do seu grupo pola situación na que se atopan as persoas maiores de Compostela, que "demandan unha oferta de asistencia que non temos dabondo no que se refire á oferta pública".
De feito, o concelleiro socialista destacou que, segundo os datos de 2017, en Santiago hai 20.341 persoas maiores de 65 anos, o que supón un incremento de case o 10% con respecto ao ano 2013 -mentres que, por exemplo, a poboación menor de 16 anos só subiu un 4,5% e a de 16 a 65 mesmo baixou un 3%-. Como subliñou Reyes, a situación da pirámide poboacional constata un problema serio para a dependencia, xa que, ademais, o número de fogares con persoas de máis de 65 anos é de 7.975 e, destes, 4.139 son fogares unipersoais.
Polo tanto, e cos datos da man, os e as socialistas reclaman unha atención específica a este importante sector da poboación no municipio compostelán e, dun xeito específico, reclaman un maior número de prazas públicas en residencias para a terceira idade.
E nesta mesma liña e dentro da colaboración existente, o grupo socialista no Parlamento ten presentado unha serie de iniciativas dirixidas a coñecer os plans da Xunta para comezar a construcción da residencia de maiores en Santiago, dando resposta a unha promesa de Feijóo de 2012 e retomada de novo en febreiro de 2017, sen que ata o de agora se teña sabido nada máis que os datos facilitados nese momento nunha nota de prensa, e que falaban dun centro en Fontiñas -os terreos xa están reservados no Plan Xeral de Ordenación Municipal- con 120 prazas e 75 traballadores.
Como explicou o voceiro no Parlamento, os socialistas preguntan tamén polo investimento previsto e a partida de 2018 -que, segundo afirmou, non ven nin referenciada-, polas prazas, polos postos de traballo, polos terreos, pola xestión do centro, polas unidades de que disporá, polo inicio previsto das obras e pola porcentaxe da demanda que esta residencia vai cubrir unha vez que se poña en marcha.
Para Fernández Leiceaga, esta falta de información e de actuación non ten outra explicación que a electoral, posto que , como lembrou, en 2019 son as eleccións municipais. "O PP xoga cos maiores como arma electoral", asegurou o voceiro socialista, que asegurou que non houbo resposta ningunha por parte do goberno galego cando se lle preguntou por este tema de forma xenérica.
A resposta a estas preguntas relativas neste caso a Santiago está prevista para a volta de Semana Santa e, de non obter resposta tampouco, o grupo levará a cabo unha iniciativa de impulso desta necesaria intervención.

ORBITAL
Por outra banda, Xoaquín Fernández Leiceaga deu conta da pregunta que formulou esta mesma maña na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos relativa ás previsións da Xunta para levar a cabo o proxecto e as obras do viario entre o punto de encontro da variante de Aradas co polígono do Tambre -altura da intersección de Marconi e Nobel- e, por un lado, a Nacional 550 e, por outro, o chamado orbital (chegando así á AP9 e á autovía de Lavacolla).
Esta pregunta, que forma parte dunha serie de iniciativas promovidas polo grupo parlamentario socialista acerca desta infraestrutura, non obtivo a resposta agardada, xa que, como dixo Leiceaga, "o director xeral foi moi amable, pero moi pouco transparente e comprometido con respecto ao proxecto".
O voceiro lemrbou que esta actuación forma parte do Plan Move, impulsado polo actual voceiro do PP e entón conselleiro de Infraestruturas da Xunta, Agustín Hernández, que prevía rematar estas intervencións -coa variante e o orbital- no horizonte de 2020. "Xa non se trata de que se cumpra o plan, que é materialmente imposible, pero si que polo menos ese tramo que pedimos sexa a continuidade da variante de Aradas e que se poida iniciar en 2020", dixo o responsable socialista.

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org