Grupo municipal dos socialistas de Santiago


Noticias

ROLDA DE PRENSA

Paco Reyes critica a escasa programación turística durante a Semana Santa e alerta da baixada de visitantes estranxeiros

03/04/2018

O voceiro socialista, Paco Reyes, valorou os datos que se están dando a coñecer sobre a ocupación hoteleira durante os días de Semana Santa en Santiago, relacionando a escasa oferta promovida polo Concello co discreto nivel de ocupación. Así, apuntou que o 60% do programa editado para estes días correspondíase unicamente con procesións e mesmo se incluiron eventos, como a Festa da Uña, que nada ten que ver coa Semana Santa. Reyes reclamou a celebración de eventos que poidan atraer turismo -denunciou que non se utilice o multiusos do Sar e lembrou o éxito de outras iniciativas, como a de Son do Camiño- e a recuperación de "marcas propias" como Músicas Contemplativas, que se tiña convertido nun referente, ou o desenvolvemento de rutas, por exemplo, por igrexas da cidade.
Paco Reyes coincidiu coa valoración da asociación hostaleira de Compostela sobre as cifras de ocupación nestes días de Semana Santa e, ademais, alertou dunha tendencia que se leva rexistrando nestes últimos meses -e que mudou con respecto aos últimos anos, como é a reducción de viaxeiros estranxeiros. Así, son tres os meses nos que se reduciu o número destes turistas e, no caso das pernoctas, os meses con baixadas son dous. "É a primeira vez en anos que a tendencia ascendente varía", dixo o voceiro socialista, que engadiu que "agardamos que non sexa un cambio de tendencia".
Ademais do mal tempo, que indubidablemente provocou algunhas cancelacións, Reyes asegurou que "non houbo ningún esforzo de promoción turística por parte do goberno de Compostela Aberta, máis aló de subirse ao carro da iniciativa da Xunta de Cofradías da declaración da Semana Santa de Interese Turístico Galego". A este respecto, Reyes lembrou que "o único que fixo CA foi cumprir un acordo plenario" que, por certo, tivo o voto en contra do BNG e a abstención do propio grupo de goberno.
Paco Reyes comparou o programa de Semana Santa co doutras cidades, como o de Ferrol -declarada de Interese Turístico Internacional-,afirmando que "eles poñen en valor o que ten e sorprende que Santiago non sexa quen de facelo".

Volver




PAZO DE RAXOI. Praza do Obradoiro. 15705 Santiago de Compostela. psoe@santiagodecompostela.org